Trasladamos ao Pleno o malestar da veciñanza da Cruz Verde pola paralización das obras no calexón dos Xudeos
“A paralización obriga ás veciñas a dar un gran rodeo e suprime varias prazas de estacionamento”. “Comezar unhas obras para paralas aos dous días, dá unha imaxe da eficiencia deste goberno”
“A paralización obriga ás veciñas a dar un gran rodeo e suprime varias prazas de estacionamento”. “Comezar unhas obras para paralas aos dous días, dá unha imaxe da eficiencia deste goberno”
Betanzos, 1 de marzo de 2017. O BNG levou ao Pleno o malestar da veciñanza da Cruz Verde pola paralización dos traballos no remate desta rúa e máis no Calexón dos Xudeos, onde se desenvolven obras do Plan Provincial de Obras. Hai cousa dun mes iniciaron uns traballos que, uns días despois e sen causa aparente, foron paralizados, segundo a veciñanza.
“Veciñas da Cruz Verde comentáronnos que a paralización das obras está a provocarlles un grande trastorno, non só porque a supresión do paso cara á Avenida de Castela as obriga a dar un rodeo” explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río. Ademais, para facer a praza no remate da rúa Cruz Verde suprimíronse varios estacionamentos, o que prexudica á veciñanza xa que nesta rúa son poucos os edificios con garaxe.
Comezar unhas obras para paralas aos dous días, dá unha imaxe da eficiencia deste goberno
As nacionalistas pediron ao goberno local que aclare os polos motivos da paralización das obras. Asemade, o BNG aproveitou para denunciar a falta de información á veciñanza sobre as obras e a paralización dos traballos, “algo por desgraza moi habitual”, en opinión do voceiro nacionalista. Desde o BNG esixen a reanudación das obras e o seu remate nun prazo “razoábel”, para minizar así os trastornos na vida cotiá da veciñanza.