Del Río: "Mato é a pichici da liga de campións do desemprego e a emigración xuvenil"
O candidato do BNG apostou esta mañá en Miño pola defensa dos dereitos dos e das traballadoras mediante o afortalemento da iniciativa pública e con políticas dirixidas a impulsar os sectores estratéxicos da comarca.
Betanzos, 23 de setembro de 2012. O membro da candidatura do BNG ao Parlamento galego e portavoz do BNG en Betanzos, Henrique del Río, participou esta mañá nun reparto de material informativo sobre o 30º aniversario da formación nacionalista na feira de Miño. En declaracións aos medios, Del Río cualificou de insulto a todos os galegos e galegas os eloxios do Sr. Feijóo cara a Beatriz Mato. A cara dura de loar o nefasto papel de Mato fronte á Consellaría de Traballo e Benestar só responde ao máis vil desprezo ás máis de 275.000 persoas desempregadas, aos máis de 20.000 traballadores e traballadores afectados por un ERE e aos máis de 600.000 galegos e galegas por debaixo do limiar da pobreza, apuntou.
Á vista destes datos, o candidato do BNG sinalou que Mato sería a pichichi na Liga de Campións do desemprego e da emigración da mocidade, a culpábel dos ERE que están a converter as nosas comarcas nun deserto industrial. Citou, entre outros, o caso de Mafecco, Caramelo, Industrias Caamaño, Atento, Emesa, Emesa Trefilería ou Bunge Ibérica. Tamén advertiu de que Mato é a primeira responsábel do desmantelamento dos servizos sociais públicos e de que 50.000 dependentes estean á espera de recibir a prestación á que teñen dereito. Pero a Feijóo tanto lle dan as persoas que están a pasar penurias cada día, por iso premiou a incompetente Beatriz Mato co número 1 pola provincia da Coruña, engadiu.
Impulso dos sectores estratéxicos
Fronte á nefasta política do PP, que despreza os nosos sectores produtivos e que aplaude os abusos da patronal, Del Río apostou por crear emprego e combater a precariedade a través da defensa dos dereitos dos e das traballadoras, reforzando o papel da iniciativa pública e promovendo políticas que impulsen sectores estratéxicos -hostalaría, comercio, pesca, produción de enerxía, produción de alimentos de calidade, construción naval, industria leiteira ou o téxtil, entre outros. Instrumentos como a banca pública ou unha reforma fiscal progresiva asegurarán os recursos para crearmos postos de traballo dignos na nosa comarca, espuxo.
Ademais, puxo de manifesto que o BNG traballará desde Galiza pola derrogación das reformas laborais aprobadas en 2010 e 2012, pulando pola restauración das conquistas e dereitos laborais retallados nas sucesivas modificación do réxime das relacións laborais. Tamén propuxo un marco de relacións laborais normalizado e equilibrado, asentado no principio de acabar coas contratación precarias.
Outra das propostas de emprego que Del Río subliñou ten a ver coa redución da taxa de temporalidade, tanto no sector privado como no público, eliminando os efectos perversos da alta rotación no emprego na comarca e no país.