O BNG acusa ao PP de desentenderse do tren e abandonar a conexión de Betanzos co ferrocarril
Henrique del Río: Co anuncio do Ministerio de Fomento de cambiar as liñas non competitivas do tren por autobuses, o PP abandona a liña Betanzos-Ferrol e dá un portazo ao tren de cercanías que hipocritamente di defender.
Betanzos, 21 de setembro de 2012. O BNG acusou ao PP de desentenderse do tren e abandonar a conexión de Betanzos co ferrocarril. Os nacionalistas recordan que o PP evitou apoiar unha proposta do BNG no Pleno na que pedía ao goberno do Estado a execución as partidas relativas aos estudos do Eixo Atlántico no tramo A Coruña-Ferrol e para implantar unha rede de ferrocarril de cercanías en Galiza.
Co anuncio do Ministerio de Fomento de cambiar as liñas non competitivas do tren por autobuses, o PP abandona a liña Betanzos-Ferrol e dá un portazo ao tren de cercanías que hipocritamente di defender, advirte o voceiro do BNG, Henrique del Río. Neste sentido, os nacionalistas advirten que á vista da negativa do PP a potenciar o tren de cercanías, malia os acordos que apoiou neste sentido, está claro que as partidas incluídas nos orzamentos do Estado deste ano eran pura propaganda electoral, como xa advertiamos.
Os nacionalistas, que rexeitan a privatización dos servizos ferroviarios que propugna o PP, insisten na necesidade de construír un bypass en Betanzos-Infesta para mellorar os tempos de conexión entre Ferrol, Betanzos e A Coruña e evitar que os usuarios perdan 10 minutos co actual trazado. Esta actuación, a pesar de contar co apoio do PSOE e do PP nas Cortes desde hai anos, non foi executada por ningún goberno, nin do PSOE nin do PP.
Acto reivindicativo
O BNG organiza mañá sábado 22 de setembro unha viaxe en tren para reclamar todas estas melloras entre A Coruña e Ferrol. De cada cidade sairá unha comitiva, que confluirán en Betanzos, onde os nacionalistas celebrarán un acto público en defensa do tren de cercanías ás 18:30 no Cantón de Claudino Pita (en caso de choiva será no Teatro Alfonsetti). Está previsto que participe Henrique del Río, portavoz municipal do BNG en Betanzos e candidato ao Parlamento Galego, e Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza.