Del Río: É imposíbel atopar unha vía para compensar aos traballadores se nin sequera se busca
O BNG acusa ao resto dos grupos de facer declaracións grandilocuentes de apoio aos traballadores municipais pero negarse a compensarlles a perda de poder adquisitivo.
Betanzos, 26 de setembro de 2012. O BNG lamentou a hipocrisía do goberno local do PSOE por negarse a compensar a perda de poder adquisitivo dos empregados municipais. Desde que gobernou Aznar, os empregados públicos perderon o 24% do seu poder adquisitivo, lembrou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que advertiu de que os informes dos técnicos municipais dan varias alternativas para compensar esta perda de poder adquisitivo.
Os nacionalistas acusaron ao resto dos grupos de facer declaracións grandilocuentes de apoio aos traballadores municipais pero negarse a compensarlles a perda de poder adquisitivo. É imposíbel que atopen unha vía para compensalos se nin sequera a buscan, espetou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O voceiro do BNG convidou ao PSOE a aclararse, porque noutros Concellos defenden e aproban esta proposta. Lamentou a actitude do goberno local de Betanzos, rendido e entregado a un grupo de dereitas que fai gala de pretender promover un ERE no Concello con tal de manterse no poder.
O PP tamén demostrou que a súa intervención nos orzamentos escenificando defender aos empregados municipais era unha simple pose cara a galería, indica o voceiro do BNG, que recorda que en Pontevedra o PP ía absterse nun acordo similar e en Betanzos fixo unha oposición radical esquecendo os problemas dos traballadores municipais.
En relación coa negativa do PP a apoiar o acordo porque non dá unha forma concreta para executalo, os nacionalistas recordan que o BNG non goberna e non lle corresponde buscar a fórmula concreta para sacar adiante o acordo de compensar a perda de poder adquisitivo dos empregados municipais. Con todo, Del Río asegurou que se se poden compensar aos membros do GRUMIR readmitidos noutro posto pola súa perda de poder adquisitivo, tamén se poderá compensar ao resto dos traballadores. Outra cousa é que o goberno do PSOE teña vontade ou non, e queda claro que non a ten, indicou.
Esta medida non afecta só aos traballadores muncipais, senón que exténdese ao comercio e á campaña de Nadal, explicou Del Río, que insiste en que sendo o comercio un sector estratéxico para Betanzos o lóxico sería que o goberno local mirase de dinamizalo en todas as frontes posíbeis.