Del Río: Descartamos calquera acordo co PP, como levabamos no programa electoral
O BNG decidirá a súa actuación concreta en asemblea aberta este xoves. Como defendemos a participación, pensamos que a maneira de cambiar as formas é precisamente aplicala.
Betanzos, 9 de xuño de 2015. O BNG-Asembleas Abertas decidirá este xoves nunha asemblea aberta á participación de toda a veciñanza a súa actuación no Pleno de investidura e a súa liña para os vindeiros anos. A asemblea aberta terá lugar no local das nacionalistas desde as oito do serán.
Se algunha forza quere buscar acordos co BNG será nun espazo público e ante a veciñanza, publicamente e con luz e taquígrafos
Os acordos que se tomen, por suposto, serán respectando o noso programa de goberno, que xa foi acordado en asemblea aberta entre todas, explicou o edil electo nacionalista, Henrique del Río. Isto quere dicir que non gobernaremos coa dereita nin con quen fai políticas de dereitas e, en consecuencia, descartamos calquera tipo de acordo no que participe o PP, engadiu.
Tivemos encontros de cortesía con PSOE e Betanzos Novo, e ningunha das dúas forzas nos pediu o apoio para a investidura, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Ningún grupo nos pediu o noso apoio para estes tratos estranos acrescentou. Supoñemos que foi porque nós explicitamos desde o primeiro minuto que non imos apoiar a quen está gobernando de costas ao pobo, PSOE e PP, as dúas caras do mesmo sistema, abundou.
Estamos polo labor de dialogar e chegar a acordos en temas que beneficien á veciñanza, pero non para facer politiqueo, mercadeo de postos e coller o poder polo poder
Defendemos outra forma de facer política, sobre a base da participación veciñal e a transparencia, explicou o edil nacionalista. Por este motivo, se algunha forza quere buscar acordos co BNG será nun espazo público e ante a veciñanza, publicamente e con luz e taquígrafos, engadiu, porque o BNG non fai política de mesa e mantel nin pactos de despachos de costas ao pobo. Como defendemos a participación, pensamos que a maneira de cambiar as formas é precisamente aplicala, puntualiza.
A actuación concreta decidiraa a asemblea aberta pero desde logo o programa de goberno que presentamos ás eleccións está para cumprilo, diso co BNG non hai ningunha marxe de dúbida, engadiu.Nós estamos polo labor de dialogar e chegar a acordos en temas que beneficien á veciñanza, pero non para facer politiqueo, mercadeo de postos e coller o poder polo poder, advertiu. Acordos si, pero non para isto, remarcou.