En resposta ao BNG, Fomento deixa claro que non haberá Eixo Atlántico até Ferrol
Rosana Pérez dirixíase a Fomento para pedirlle melloras na liña férrea A Coruña-Betanzos-Ferrol e preguntarlle se se mantén o Eixo Atlántico até Ferrol dado que todo apunta a que non se fará.
Madrid, 23 de novembro de 2013. O Ministerio de Fomento deu unha resposta por escrito á deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, na que evidencia que o Eixo Atlántico non se estenderá até Ferrol.
O Ministerio indica a Rosana Pérez que iniciou a redacción dos estudos informativos dos tramos A Coruña-Betanzos e Betanzos-Ferrol, e que á vista dos resultados obtidos até a data destes estudos e do custe estimado para a execución desta nova liña de alta velocidade, a viabilidade económica da actuación a curto prazo non se viu conformada.
A deputada do BNG afirma que por fin Fomento recoñece algo que o BNG viña advertindo desde hai tempo a pesar das declaracións de altos cargos do Ministerio, como nas comparecencias con motivo da tramitación dos Orzamentos 2014 a primeiros de outubro.
Era obvio, á vista das irrisorias partidas contempladas nos Orzamentos do Estado dos últimos dous anos, que a estensión do Eixo até Ferrol non se realizaría. Rosana Pérez reprocha ao Ministerio a falla de claridade sobre este tema cando hai tempo que sabía que non o ía acometer porque os famosos estudos demorábanse unha e outra vez.
Abandono total do ferrocarril entre Betanzos e Ferrol
A deputada do BNG é moi crítica co que tilda de abandono absoluto e intencionado do ferrocarril en Ferrol. Nese sentido, sinala que nin se vai facer o Eixo, e por riba, a liña convencional Ferrol-A Coruña é propia doutro século, con tempos de viaxe inasumíbeis e cun material rodante e unha infraestructura totalmente obsoleta. Lembra tamén os problemas continuos de desprendementos na zona entre Ferrol e Betanzos.
Rosana Pérez reprocha a Fomento que desatenda totalmente o ferrocarril en Ferrol e o someta a un intencionado esquecemento.
No que atinxe aos desprendementos, o Ministerio asegura que na liña Betanzos-Ferrol xa iniciou a reparación deste tema. En canto á demanda de modernización da liña Ferrol-A Coruña que realizou a deputada do BNG, Fomento limítase a sinalar que están en estudo os proxectos de tratamento de trincheiras e outras explanacións na liña Palencia-A Coruña, e o proxecto na ponte de Neda sobre a Ría de Ferrol, na liña Betanzos-Ferrol.
A resposta de Fomento: 18-10-13-Resp mantenim infraestruc ferrov Ferrol A Coruña