O BNG non participa no acto hipócrita de PP e PSOE polo día contra a violencia machista
Del Río: Mentres defendiamos ampliar a 18 meses o salario da liberdade e crear xulgados específicos contra a violencia machista, o goberno do PSOE defendía como toda medida para erradicar a violencia machista que o Consorcio das Mariñas edite un panfleto e unha pegatina para colocar ás portas dos edificios públicos.
Betanzos, 25 de novembro de 2013. O BNG non acudiu esta mañá ao acto institucional organizado polo goberno local do PSOE con motivo do día contra a violencia machista. Non imos avalar coa nosa presenza o exercicio de cinismo do PSOE e o PP, que hoxe fan unha pantomima teatral contra a violencia de xénero porque é o día de facelo e queda politicamente correcto, cando o resto do ano as súas políticas van no sentido contrario, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Violencia de xénero tamén é a opinión de Castelao Bragaña (que afirmou que as leis, como as mulleres, están para violalas) e aínda o PP non o expulsou, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Polo tanto, até que o PP expulse a este individuo non podemos compartir ningún acto sobre violencia machista co PP, salientou.
O BNG non pode participar da farsa hipócrita de quen ten a obriga de defender os dereitos das mulleres e non o fai, advertiu o edil nacionalista. Ao goberno local do PSOE éncheselle a boca falando de igualdade tal día como hoxe, pero despois non a practica nin dentro do propio Concello, denunciou.
O BNG presentou no Pleno do pasado mes de outubro unha moción reclamando o desenvolvemento da Lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero aprobada en 2007, que o goberno do PP está a ignorar en moitos dos puntos que implican medidas concretas para combater este problema. Lembrou que só no que vai de ano, a violencia machista acabou coa vida a 44 mulleres só en Galiza.
Os nacionalistas tamén propuxeron aumentar as axudas ás mulleres maltratadas, o denominado salario da liberdade, de 12 a 18 meses prorrogábel até 24 meses, medidas específicas no ámbito da formación e do emprego que facilite o acceso a un posto de traballo a este colectivo, asistencia psicolóxica ás vítimas desde a sanidade pública e, por último, xulgados específicos contra a violencia de xénero en todas as cidades.
Mentres defendiamos estas propostas, o goberno do PSOE defendía como toda medida para erradicar a violencia machista que o Consorcio das Mariñas edite un panfleto e unha pegatina para colocar ás portas dos edificios públicos lembra o voceiro nacionalista. E agora, de forma oportunista e hipócrita, leva unha moción idéntica á que defendimos o mes pasado porque o Pleno cadra o día despois da efeméride, denuncia.
Quen nada inviste nisto (o PSOE) compite con quen recurta 25 millóns de euros ao ano en políticas de igualdade (o PP) por ven quen o fai peor, ironizou Del Río. Iso si, despois PSOE e PP van facer unha foto e non teñen cargo de conciencia polas vítimas da violencia machista, denuncia. Vese que hai vítimas de primeira e de segunda, até para iso hai desigualdade, denuncian desde o BNG.
Os nacionalistas recordan que presentaron unha emenda ao orzamento municipal aprobado polo PSOE para destinar 15 900 euros ao plan de igualdade, que non ten fondos asignados. O PSOE negouse sequera a debatir as nosas emendas ao orzamento, a ver se agora que o alcalde anuncia un novo orzamento se lle acordan todas estas cousas que din o 25 de novembro, ironizou Del Río.
Dar os datos do gastado nas raíñas das festas o 25 de novembro, broma macabra
Violencia machista tamén é cultivar o estereotipo de muller-obxecto, advirten desde o BNG. É unha broma macabra que na véspera do día contra a violencia machista o goberno do PSOE entregue as contas das festas, que denuncian que o PSOE gastou 4710,16 públicos para patrocinar un estereotipo machista co número da raíña das festas asegura o voceiro do BNG. Estes son os seus feitos por máis que lean manifestos para quedar ben cara a galería, denuncia.
Denuncia dos micromachismos na praza do Campo
O BNG organizou o pasado sábado na praza do Campo un acto de denuncia sobre os micromachismos, maneiras sutís de machismo que continúan a darse de maneira imperceptíbel, dentro da súa campaña Todas somos elas de denuncia e loita contra a violencia machista. Así, os nacionalistas denunciaron que que che controle o móbil tamén é violencia machista, que el cobre máis ca ti cando facedes o mesmo traballo é violencia machista ou a non corresponsabilización no doméstico tamén é violencia machista.