O ano comeza pagando todas nós unha nova sentenza por unha decisión caprichosa do PSOE
" Unha nova sentenza que pagamos todas as veciñas a causa dun despido improcedente dunha empregada municipal o pasado verán. Seguimos pagando todas as consecuencias das decisións caprichosas dun goberno que decide as nosas costas, en contra dos criterios que marcaba no programa".
Betanzos, 14 de xaneiro de 2016. O xornal Betanzos e a súa comarca publica no seu número deste mes un artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas, no que analizamos os retos do concello para este ano que comeza. Boa lectura.
A este 2016 pedísmoslle que todo cambie para que Betanzos comece a estar mellor que o ano anterior
Comeza o 2016, e parece que o fai como rematou o 2015 no Concello de Betanzos. Segue a privatización de servizos públicos que está levando a cabo o goberno local mentres dí defendelos. Segue o escurantismo, a falta de transparencia e segue o ninguneo ás decisións plenarias, mesmo aos acordos que o propio PSOE apoia nos Plenos. Máis do mesmo, esta vez de novo co servizo de limpeza. Unha nova sentenza que pagamos todas as veciñas a causa dun despido improcedente dunha empregada municipal o pasado verán. Seguimos pagando todas as consecuencias das decisións caprichosas dun goberno que decide as nosas costas, en contra dos criterios que marcaba no programa. Mentres o goberno local contrata unha nova empresa privada da que non sabemos nin o nome, como non sabemos a duración do contrato e o seu custo. E deberíamos sabelo, porque a pagamos nós.
Seguimos pagando todas as consecuencias das decisións caprichosas dun goberno que decide as nosas costas
Pagamos, si, por servizos cada vez de peor calidade e que nos custan cada vez máis. Na escola infantil séguese a incumprir a ratio legal de nenas por aula, porque o goberno se nega a contratar persoal. O cemiterio continúa sen persoal de mantemento, pero iso si, pagamos puntualmente a unha empresa privada o mesmo que custaría este persoal para facer só os enterramentos.
Por iso nós a este 2016 pedímoslle cambios, que neste novo ano todo cambie para que Betanzos comece a estar mellor que o ano anterior, e non peor, tal como ven pasando ano tras ano. Pedimos tamén a vosa confianza e para conseguila imos seguir traballando todos os días coma o ano anterior, defendendo o emprego e os servizos públicos, para acabar co clientelismo e as corruptelas, ao lado sempre de toda a veciñanza que o precise.
O noso obxectivo é sermos útiles ás betanceiras, ás galegas, porque esa é a nosa razón de ser
Ese é o noso obxectivo para o 2016: sermos útiles ás betanceiras, ás galegas, porque esa é a nosa razón de ser. Na modestia dos nosos medios e recursos, temos claro a quen nos debemos: á maioría social que padecemos as consecuencias da crise, votase ou non ao nacionalismo. Sermos útiles desde a fidelidade á palabra dada co programa que presentamos ás eleccións municipais. Intentar mellorar cada día, aprendendo dos nosos erros coa vosa axuda.
Aquí seguimos!