“A COMARCA E O PAIS PRECISAN MAIOR DESENVOLVEMENTO INDUSTRIAL, PERO TEN QUE SER RESPECTUOSO CO MEDIO E COAS PERSOAS”.
Cremos que “convivir co polígono industrial ten que ser unha oportunidade” para Infesta
“A comarca e o pais precisan maior desenvolvemento industrial, pero ten que ser respectuoso co medio e coas persoas”.
“A comarca e o pais precisan maior desenvolvemento industrial, pero ten que ser respectuoso co medio e coas persoas”.
Betanzos, 10 de maio de 2019. O BNG abriu a campaña cun encontro coa veciñanza de Infesta, no que participaron Encarna Vidal e o candidato á Alcaldía, Henrique del Río. As nacionalistas defenderon a necesidade que “convivir co polígono industrial sexa unha oportunidade para Infesta e non unha carga para a veciñanza”.
“Estar tan cerca do polígono ten que ser unha oportunidade para Infesta, o Concello ten que garantir benestar e saúde para a veciñanza” explicou. Para o BNG, as grandes empresas teñen capacidade para producir sen afectar á xente. “É o que queremos, lograr un equilibrio entre ambos, porque a comarca e o pais precisan maior desenvolvemento industrial, pero non pode ser a costa da saúde, de outras actividades económicas ou de ameazar coa supresión de postos de traballo”, engaden.
“Os dereitos da veciñanza á saúde e ao descanso e o dereito de todas ao medio ambiente son conciliables co dereito a producir das industrias”, explican as nacionalistas. Neste sentido, Del Río engadiu que adoptarán medidas correctoras para mitigar o impacto negativo da actividade do poligono nos núcleos de poboación do entorno.
Adoptar medidas para garantir a seguridade viaria
Neste sentido, avogaron por garantir a seguridade viaria nas vías que comunican o polígono atravesando núcleos de poboación. “Non podemos dar por bo vivir permanentemente en tensión por ter unha vía do tren ou unha estrada diante da casa”, resumiu graficamente Encarna Vidal.
Completar a dotación de servizos nos núcleos
O candidato nacionalista defendeu a necesidade de completar a dotación de servizos nos distintos núcleos de poboación e no propio polígono. “Non ten sentido pretender construír bloques de pisos aquí, como quería facer o PSOE no PXOM, sen sequera ter garantizados os servizos ao que xa hai”, engadiu.
“Betanzos pode ser outra cousa, un concello mellor, máis verde, máis xusto, con máis igualdade”, engadiu Del Río Por iso, chamou a veciñanza a non conformarse con ter “peores servizos que outros concellos similares” e a “concentrar o voto do inconformismo para que Betanzos teña o goberno que precisa”.
“O BNG garante que alí onde goberna transforma para mellor, estámolo facendo en vilas e cidades semellantes a Betanzos, como Ribadeo, Allariz ou Pontevedra, e podemos facelo aquí”, concluíu Del Río.