'Busca as dez diferencias', artigo do voceiro comparando como exercen o poder PSOE e PP
"Trinta anos de promesas incumpridas en torno á recuperación do Casco Histórico. O PP debe a rehabilitación das casas que a Xunta comprou e o PSOE non fixo nada nestes últimos 3 anos. O Casco Histórico caendo a cachos e uns e outros cunha recua de promesas electorais que esqueceron o día despois das eleccións".
Betanzos, 11 de decembro de 2014. O xornal 'Betanzos e a súa comarca' deste mes recolle un artigo de opinión do portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, sobre as semellanzas entre a forma de gobernar Betanzos que ten o PSOE e a que tiña o PP no anterior mandato. Polo seu interese reproducímolo enteiro a seguir.
Busca as 10 diferenzas
Contratos para os elixidos. O goberno local do PSOE pasa olimpicamente da Lei de Contratos. Dividen os contratos, coma os de reparación das rúas, en varias facturas para darllo a quen lles peta. Recordades o que facía o PP?
Privatización de servizos. Coa excusa de que as leis, que PSOE e PP aprobaron, impiden contratar persoal ao Concello, entregan servizos básicos como xardinería, obras ou o cemiterio á empresas privadas. Punto aparte merecen as concesións, onde hai varias empresas que non pagan un só euro. Privatizacións e gobernar pensando nas empresas, algunha diferenza?
Gastos sen fondos. Montóns de facturas que chegan ao Concello sen que haxa fondos para pagalas. Gastos por enriba do previsto en publicidade ou protocolo (sen eufemismos, paparotas) coas que o goberno local trata de mercar vontades. Cando gobernaba o PP?
Subvencións a dedo. O último orzamento do PSOE prevé dar o 84% das subvencións a asociacións a dedo. O último do PP prevía dar o 60%, aínda que o superaron con facturas de gastos non previstos. O mesmo dirixismo con cartos públicos. Vedes algunha diferenza no trato aos movementos sociais?
Festas. Os orzamentos do PSOE prevén gastar 250 000 euros en festas. Un gasto indecente cando a xente pasa dificultades. O mesmo que facía o PP. Os dous din que fundir os cartos en festas xera emprego, a pesar de que os datos de desemprego o desminten ano tras ano. Parece que nisto tamén se parecen bastante.
Lingua propia. O PSOE acaba de excluír o galego da docencia na escola infantil de San Francisco. Nós non vemos moita diferenza coa política lingüística do PP na Xunta que excluíu o galego do ensino. Vós?
Casco Histórico. Trinta anos de promesas incumpridas en torno á recuperación do Casco Histórico. O PP debe a rehabilitación das casas que a Xunta comprou e o PSOE non fixo nada nestes últimos 3 anos. O Casco Histórico caendo a cachos e uns e outros cunha recua de promesas electorais que esqueceron o día despois das eleccións.
PSOE e PP son as dúas caras da mesma moeda, as mesmas formas e as mesmas políticas porque no fondo defenden o mesmo sistema
Igualdade. Plan de igualdade sen fondos. Concentracións rituais contra a violencia machista cando os orzamentos non teñen un peso contra ela. Patrocinar un estereotipo machista con cartos públicos na raíña das festas. Máis do mesmo, moita preocupación pero nin o PP nin o PSOE fan un esforzo real no tema de igualdade.
Persoal. Non negocian co persoal as medidas que lle afectan. Irregularidades na contratación de persoal por non convocar procesos selectivos abertos a todas as persoas interesadas ou por non facelos conforme á lei. A exalcaldesa do PP tivo que abandonar os seus cargos por ser imputada por estas irregularidades. Moi diferentes parece que non son.
Participación veciñal. Nula. A pesar de ter un regulamento de participación veciñal. Nin se fan os orzamentos de xeito participativo, nin se explican os proxectos de obras, nin se publica o Plan Xeral.... calcan a máxima do despotismo ilustrado: todo para o pobo pero sen o pobo.
As dúas caras da mesma moeda, as mesmas formas e as mesmas políticas porque no fondo defenden o mesmo sistema.