O BNG solicita o cesamento e reprobación do edil de persoal por cesión ilegal de traballadores
Del Río: Mentres se contrata persoal de apoio para festas, non se cubriron as prazas de limpador no colexio nin as da policía local.
Betanzos, 23 de agosto de 2013. O BNG rexistrou, para o seu debate no Pleno do vindeiro luns, unha moción na que se solicita que o Pleno reprobe ao concelleiro de persoal e reclame ao alcalde o seu cesamento. Os nacionalistas consideran inadmisíbel que o Concello teña que asumir o custo de outra denuncia en materia de persoal por culpa do goberno local do PSOE.
Na súa moción, o BNG explica que a denuncia diante da Inspección de Traballo a causa dun presunto caso de cesión ilegal de traballadores provoca un dobre dano á veciñanza. Xa non só pola propia condena e indemnización, de ser o caso, senón tamén polo acceso fraudulento dunha persoa a un emprego público para o que non toda a veciñanza tivo as mesmas oportunidades censuran Henrique del Río e María Otero na iniciativa. Os nacionalistas denuncian que o custo destas actuacións irregulares ímolo asumir todos e todas, non os responsábeis. Van ser os veciños e veciñas os que van ver recortados ou seus servizos para facer fronte a estes pagos como xa está ocorrendo neste momento.
Por este motivo, os nacionalistas reclaman na súa moción que os funcionarios municipais informen sobre a legalidade da contratación á vista da denuncia feita polos representantes dos traballadores municipais e das responsabilidades do equipo de goberno. Cómpre lembrar que o pasado 7 de marzo de 2011 o Pleno acordou, en sesión extraordinaria convocada a pedimento do PSOE, trasladar diversas contratacións irregulares feitas polo goberno local do PP á Fiscalía, recorda o voceiro do BNG. Entre estes casos figuraban, tamén, casos que podían supoñer cesión ilegal de traballadores, insiste.
Desde o BNG pedirán, ademais, que o goberno local cubra de inmediato as vacantes que hai en determinados servizos que son necesarios para a vida cotiá, como as da Policía Local ou o servizo de limpeza no colexio público. Non é de recibo que se deixen sen cubrir baixas en servizos esenciais mentres se contrata persoal de apoio para as festas e se ten un técnico de promoción económica dedicado en exclusiva a festexos, denuncian desde o BNG.