O BNG reclamou no Parlamento cartos para a rehabilitación integral do Casco Histórico
O PP, que só destina 48 699 euros para as casas que a Xunta comprou no Casco Histórico, votou en contra de manter as axudas a particulares para rehabilitacion das súas vivendas. O BNG pedía un millón de euros para rehabilitar xa as casas que comprou a Xunta.
Betanzos, 9 de xaneiro de 2014. O BNG lamentou que o PP se negase no Parlamento de Galiza a destinar nin un só euro á recuperación do Casco Histórico de Betanzos. O PP negouse a destinar seis millóns ás áreas de rehabilitación integral, entre as que está o noso centro histórico, e negouse tamén a destinar un millón de euros á recuperación das casas que a Xunta mercou en Betanzos, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Tras a negativa dos deputados e deputadas do PP a incrementar esta cantidade, os orzamentos da Xunta só prevén para o Casco Histórico de Betanzos 48 699 euros. Unha cantidade ridícula que non dá para amañar sequera unha destas vivendas de forma que os cartos de todas e todos sirvan á sociedade, asegura o voceiro nacionalista. Esta cantidade xa aparecía nos orzamentos de anos anteriores, sen que o PP movese un dedo para salvar o Casco Histórico betanceiro.
Os nacionalistas entenden que con esta negativa a Xunta do PP está impedindo que os particulares que teñen vontade de rehabilitar as súas casas poidan contar con axudas públicas para facelo. Así, estaríase favorecendo que o Casco Histórico vaia perdendo habitantes mentres que se incentiva que as vivendas queden abandonadas á especulación inmobiliaria ou convertidas en infravivendas que acarrean outras problemáticas derivadas da exclusión social.
Ademais, segundo o BNG, a Xunta do PP está contribuíndo activamente a esta ruína por comprar casas para deixalas caer de xeito deliberado. O PP fixo electoralismo con cartos públicos coa compra das vivendas do Casco Histórico, usándoas na súa campaña das municipais recorda Del Rïo. Prometeron a súa rehabilitación como vivendas sociais para gañar votos cos cartos de todas e todos, censuran. Agora estas vivendas están condenadas a caer ano tras ano porque o PP non ten a vontade política de amañalas, lamentan.
Desde o BNG lamentan que o PP se limite a facer críticas sen achegar ningún tipo de solución, como demostra o estado das casas da Xunta. Vender fume si, crítica destrutiva tamén, pero facer propostas non se lle dá ben á dereita, ironizan. Votando en contra das dúas emendas do BNG aos orzamentos que buscaban amañar o Casco Histórico está claro que o PP, á hora dos feitos, non está polo labor de recuperar o principal atractivo que ten Betanzos, aseguran.
O PSOE pretende recuperar o estacionamento nas rúas do Casco Histórico
Para os nacionalistas, o goberno local do PSOE é tamén responsábel do deterioro do centro histórico ao permanecer inmóbil, mirando como cae o Casco. O BNG xa exixiu varias veces no Pleno que se doten de mobiliario urbano as rúas comerciais e ampliar os servizos no Casco Histórico para facelo atractivo para o comercio e para a convivencia veciñal.
En contra das directrices do Plan Estratéxico do Centro Comercial Aberto de Betanzos, o PSOE planea volver a encher as rúas do Casco Histórico de vehículos estacionados censuran desde o BNG. En lugar de garantir a seguridade dos peóns nas rúas peonís comerciais, pretende volver vinte anos atrás e convertir o Casco Histórico do estacionamento gratuíto para a zona nova da cidade, censuran. Só falta xa que en lugar de reparar o firme de granito, a próxima actuación do goberno do PSOE sexa asfaltar a Rúa do Castro, ironiza Del Río.
Esperemos que Xunta e Deputación, que financiaron a supresión de beirarrúas e a peonalización das rúas do Casco Histórico non exixan ao Concello que devolva os cartos á vista de que semellan autoestradas, conclúe o voceiro nacionalista.