O BNG reclamará no Pleno transparencia real na xestión do Concello
Transparencia é que a veciñanza teña información de primeira man sobre o Concello, que é moi diferente á propaganda
Dado que o goberno do PSOE non o fai, o BNG si que vai explicar este orzamento á veciñanza. O BNG explicará as súas propostas as entidades veciñais nunha xuntanza.
Betanzos, 24 de xuño de 2014. O BNG defenderá no Pleno unha moción para reclamar que se publique na web municipal información sobre a situación económica do Concello. Os nacionalistas defenden que a veciñanza poida coñecer cunha visita á web municipal o orzamento completo, as alegacións que se lle presenten, as modificacións que sufriron eses orzamentos, as ordenanzas fiscais e a súa recadación e as contas xerais doutros exercicios, por exemplo.
A transparencia é unha materia pendente do goberno municipal de Betanzos a pesar das proclamas que lanzou o PSOE no seu día, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Transparencia é que a veciñanza teña información de primeira man sobre o Concello, que é moi diferente á propaganda, advirte. Malamente vai poder opinar a xente sobre o que acontece no Concello se o goberno controla, manipula e administra os datos en función da súa comenencia electoral, explica.
Transparencia é que a veciñanza teña información de primeira man sobre o Concello, que é moi diferente á propaganda
A participación da veciñanza nos asuntos públicos ten que ser un obxectivo fundamental para calquera institución pública, mais a xente non poderá participar se antes non hai información engaden. Neste sentido, desde o BNG advirten que é preciso que o goberno local deixe de poñer atrancos no acceso á información municipal.
No Concello de Betanzos non hai información a respecto da organización e patrimonio dos membros da Corporación nin das súas retribucións explican os edís do BNG na súa moción. Só se dá conta das convocatorias do Pleno cando se lles remite aos medios de comunicación, pero na web do Concello non están publicadas as actas do Pleno nin da xunta de goberno, indican.
Non existe un rexistro de contratacións sen publicidade, non hai información sobre convenios e subvencións, non son públicos os convenios urbanísticos e tampouco o patrimonio municipal, continúan os nacionalistas. Nin na web nin por outros medios se procura a participación do conxunto da veciñanza en asuntos que lle afectan de primeira man, engade Del Río.
O voceiro nacionalista recorda, a título de exemplo, que foi o BNG e non o goberno local quen tivo que explicar á veciñanza as obras que se desenvolveron na rúa dos Ánxeles. Créanse un lote de consellos sectoriais para crear a ficción dunha participación veciñal que non existe porque nin se lles dá contido, nin información para que poidan decidir, explica.
O goberno do PSOE non só non fomenta a participación e a transparencia, senón que ademais impide e dificulta o traballo dos representantes da veciñanza, denuncia Del Río. Así, recorda que o executivo local impediu o acceso á documentación de concesións como a ORA ou o Hotel aos nacionalistas. Cando denunciamos ao Valedor do Pobo o escurantismo do PSOE, tiveron a cara de responderlle que pediamos documentación e ver expedientes para entorpecer ao goberno facendo filibusterismo, denuncia. Se nin sequera responderon aínda ás nosas alegacións contra a gasolineira da Madalena ou as bases de contratación de persoal ilegais, denuncia.
O BNG explicará á veciñanza os orzamentos que o PSOE lle oculta
Para mostra da falta de transparencia do goberno do PSOE, o groso dos gastos do borrador dos orzamentos van incluídos en partidas xenéricas de outros gastos ou traballos realizados por outras empresas, explica Del Río. Non só non pediron achegas á veciñanza senon que nin sequera lles presentaron este proxecto de contas. É imposíbel que ninguén poida saber a que se adican os nosos cartos xa que poden ser para un roto e para un descosido, indica.
Dado que o goberno do PSOE non o fai, o BNG si que vai explicar este orzamento á veciñanza. O BNG explicará as súas propostas as entidades veciñais nunha xuntanza
Dado que o goberno do PSOE non o fai, o BNG si que vai explicar este orzamento á veciñanza, apunta. Neste sentido, os nacionalistas convocaron a todas as asociacións e entidades da cidade a unha xuntanza o vindeiro mércores para expoñer o proxecto de orzamentos do PSOE e presentar as súas propostas.