O BNG reclama ao goberno local que permita funcionar a comisión de desafiuzamentos
É sintomático que ao PSOE lle levase catro meses decidirse a crear esta comisión para defender á veciñanza de Betanzos fronte aos abusos da banca. Dá boa proba do escaso interese que tiña o PSOE no tema e de cales son as súas prioridades.
Betanzos, 18 de marzo de 2013. O BNG celebrou que o goberno local do PSOE por fin convocase a comisión municipal contra os desafiuzamentos logo de que o Pleno, a iniciativa dos nacionalistas, acordara creala no mes de novembro de 2012.
É sintomático que ao PSOE lle levase catro meses decidirse a crear esta comisión para defender á veciñanza de Betanzos fronte aos abusos da banca, indicou o voceiro do BNG, dá boa proba do escaso interese que tiña o PSOE no tema e de cales son as súas prioridades. O BNG desexa que este primeiro paso non chegue demasiado tarde e anunciou que fará o posíbel para evitar que o PSOE reduza a comisión a un paripé como habitualmente fai e pulará por facela útil para a veciñanza.
Temos constancia de que xa houbo algunha tentativa de desafiuzamento en Betanzos desde que se decidiu crear esta comisión, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. E a asociación que conseguiu que esta muller non quedase na rúa non foi convidada polo goberno do PSOE a participar na comisión, abundou.
"Non sabemos que criterios seguiu o goberno local para convidar a unhas entidades si e a outras non indicaron os nacionalistas. Xa que o goberno convocou a Cáritas ou Cruz Vermella, ben podía ter convidado tamén á Asociación Mirabal, de mulleres vítimas de violencia machista, que paralizou este desafiuzamento, indican.
O BNG lamenta que o goberno local do PSOE faga con este problema como noutros moitos casos. Tardan meses en cumprir cos acordos que adopta o Pleno e cando o fan é só de cara á galería e de costas á xente e as entidades implicadas realmente na solución do problema. Agardamos equivocarnos e que nos sorprendan cun regulamento que asegure o funcionamento da comisión, ironizou Del Río. O contrario demostraría que só se reúne a comisión de cara á galería e que o PSOE se reserva tomar as medidas que estime, ou neste caso non contempla, de forma unilateral, asegurou.
Cinefórum con Ti de quen vés sendo? para conmemorar o Día da Muller
O BNG organiza mañá 19 de marzo un cinefórum para conmemorar o Día da Muller. Proxectarase a curta Ti de quen vés sendo? e haberá un coloquio conducido por Pilar Vázquez con Goretti Sanmartín, responsábel da comisión de acción feminista do Consello Nacional do BNG.