O BNG reclama ao PSOE que pase aos feitos e leve a pleno as bases de contratacion de persoal
As bases xerais están para aplicalas, se non o van facer estanse rindo dos veciños e veciñas e só facendo unha manobra para lavar a cara.
Betanzos, 25 de abril de 2013. O BNG cuestionou que o goberno local do PSOE tardase dous meses en convocar a comisión especial que o Pleno creou a proposta dos nacionalistas para elaborar as bases de contratación de persoal municipal. O PSOE estivo dous anos mareando a perdiz e perdendo o tempo neste tema porque non ten intención ningunha de cambiar o seu modo de actuar, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río.
A proba de que non atenden o que se lles di é que a proposta que presentan hoxe ten as mesmas ilegalidades que o BNG denunciou xa en outubro, aseguran desde o BNG. Advirten ao executivo do PSOE que aínda que veñan a esta comisión representantes do persoal municipal, non supón que se poidan saltar a obriga legal de negociar na mesa xeral de negociación. Os nacionalistas recordan que o PSOE xa evitou varias veces a negociación co persoal municipal, polo que entenden que este goberno é incapaz de negociar con ninguén, nin negocia cos grupos da Corporación nin negocia co persoal municipal.
Se o goberno local do PSOE se puxo coas bases de contratación foi pola cantidade de veces que o BNG denunciou as súas formas á hora de contratar persoal, recorda o voceiro do BNG. O PSOE pretendía facer as súas bases aprobándoas por decreto, escondendo o asunto da xente e os empregados municipais, e tiveron que ceder porque os presionamos, indicou.
A pesar da xuntanza de hoxe, os nacionalistas entenden que é tontería aprobar unhas bases se o goberno local vai seguir negándose a suplir aos traballadores aínda con informes a favor. Como no caso da praza baleira na policía local, que o PSOE non a cubre indica Del Río. Non entendemos daquela para que aprobar unhas bases, ironiza.
Ou o goberno cumpre as bases, corrixe as irregularidades que ten a súa proposta ou isto no fondo quedará, como o PSOE pretende, nun paripé para escenificar un diálogo que non é tal, advirte. Por iso leva dous anos dándolle voltas ao asunto sen tomar decisións e contratando á xente facendo bases a medida, explicou. Ou contratando os servizos públicos de forma irregular a empresas privadas, engadiu.
Se o PSOE non tiña a máis mínima intención de aprobar no Pleno unhas novas bases, excusaba apoiar as mocións que presentamos nese sentido, indicou o nacionalista. As bases xerais están para aplicalas, se non o van facer estanse rindo dos veciños e veciñas e só facendo unha manobra para lavar a cara, conclúe.