O BNG pide que goberno local e Xunta resolvan os fallos da tarxeta do bus metropolitano
Se unha persoa vese na obriga de adquirir o billete convencional porque a tarxeta non lle funciona para ir de Betanzos á Coruña, terá que pagar 2,10 euros en lugar de 1,25 euros.
Betanzos, 4 de outubro de 2013. O portavoz do BNG, Henrique del Río, reclamou ao goberno local do PSOE que se reúna cos responsábeis da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e resolvan os problemas derivados das tarxetas de transporte metropolitano defectuosas.
Persoas residentes na cidade usuarias do bus metropolitano puxeron en coñecemento das nacionalistas o deficiente funcionamento das tarxetas xestionadas por Novagalicia Banco. Denuncian que cando a tarxeta falla, feito que acontece en numerosas ocasións, a empresa de transportes inhíbese e a persoa usuaria vese na obriga de pagar a tarifa xenérica, sen poden beneficiarse do desconto ao que ten dereito. Así, se unha persoa vese na obriga de adquirir o billete convencional porque a tarxeta non lle funciona para ir de Betanzos á Coruña, terá que pagar 2,10 euros en lugar de 1,25 euros.
Non sería a primeira vez que unha persoa accede ao bus coa tarxeta e sen cartos en efectivo e ten que quedar en terra ou ten que esperar a que outra persoa usuaria lle pague a viaxe ao fallarlle a tarxeta, apunta o voceiro nacionalista.
Ademais, tal e como lle transmitiron ao BNG as persoas afectadas, cada vez que substitúen unha tarxeta defectuosa, a usuaria vese na obriga de pagar 2 euros pola nova. E isto malia que, tal e como reflicte a páxina web do Transporte Metropolitano, a substitución por deterioro técnico da tarxeta é de balde.
Neste contexto, o BNG oponse a que se lles repercuta ás persoas usuarias, que ás veces teñen que cambiar até 4 veces ao ano a tarxeta, os fallos do sistema. Henrique del Río tamén advirte de que a transferencia do saldo dispoñíbel dunha tarxeta estragada a unha nova tarxeta non é inmediata, senón que tarda varios días.
O voceiro do BNG indicou que rexistrarán unha batería de preguntas para a resposta escrita para coñecer se o goberno local do PSOE é consciente da situación e para saber se vai adoptar medidas que eviten os pagos inxustos e inxustificados e se se vai poñer en contacto coa Consellaría responsábel co fin de que resolva o deficiente funcionamento das tarxetas.
Semella que o goberno local do PSOE anda máis pendente de canto fai o BNG que de frear este roubo e mais as molestias ocasionadas ás persoas usuarias, sinala o edil do BNG. Non podemos permitir que, ademais de soportarmos un transporte metropolitano caro, incómodo e nada áxil, teñamos que pagar polos fallos técnicos do sistema, conclúe o nacionalista.