O BNG reclama celeridade á Deputación para construír a senda peonil na estrada de Guiliade a Guísamo
Desde o BNG lamentan a falta de previsión tanto da Deputación como do Concello por ter que facer unha modificación do proxecto para incluír drenaxes nas zonas de cotas máis baixas e na zona do regato e o lavadoiro, entre os puntos kilométricos 2,450 e 2,890.
Betanzos, 20 de maio de 2014. O BNG reclamou á Deputación celeridade na construcción da senda peonil na estrada DP-0810 que une o núcleo betanceiro de Guiliade co bergondés de Guísamo. Non pode ser que a Deputación ande a voltas con este proxecto desde o ano 2007 e non dea rematado dunha vez cando a obra non reviste especiais problemas técnicos, indicou o voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río.
Non di moito a favor da Deputación ter que facer unha modificación do proxecto este ano ao descubrir que en inverno en Galiza chove arreo, ironizou o nacionalista. Desde o BNG lamentan a falta de previsión tanto da Deputación como do Concello por ter que facer unha modificación do proxecto para incluír drenaxes nas zonas de cotas máis baixas e na zona do regato e o lavadoiro, entre os puntos kilométricos 2,450 e 2,890.
Precisamente a falta de previsión da Deputación con respecto a este lavadoiro exixirá modificar novamente o proxecto e retrasar aínda máis a conclusión das obras. Para poder botar a senda peonil na zona do lavadoiro será preciso construír entre 400 e 1000 metros de muro de contención tipo escollera, con recheo incluído, explica o edil do BNG, que advirte que tamén será preciso botar novas cunetas e pozos de rexistro. Máis costes, máis tempo e máis molestias para a veciñanza por non mirar o que se fai, conclúe.
Os nacionalistas recordan que non é a primeira demora que padece a ampliación e mellora desta estrada. A obra tivo que ser dividida en dúas fases a causa das reclamacións do propietario da finca denominada Villa Julia situada en Guísamo, explican desde o BNG. Os nacionalistas cuestionan que o propietario pretendese facer pasar por patrimonio histórico o peche perimetral da finca, que moitos veciños e veciñas recordan ver construír.
Segundo explicaron desde o BNG, a primeira fase tivo que tramitarse de novo debido a que caducou o expediente na Xunta para a urxente ocupación das propiedades afectadas. Da segunda nada se sabe e continúa paralizada advertiu o nacionalista baseándose nas respostas recibidas desde o goberno provincial do PP.
Os nacionalistas insisten en que a estrada soporta un tráfico denso e é especialmente perigosa para os peóns. Por este motivo hai unha forte demanda veciñal para garantir a seguridade viaria na mesma, tanto na parte betanceira como na bergondesa. En lugar de poñer fin a esta situación, Deputación e goberno local, PP e PSOE, fan recorrentemente anuncios sobre melloras que nunca chegan, lamenta o edil nacionalista. Créanse unhas expectativas de mellora na veciñanza que se ven defraudadas pola lentitude e falta de operatividade habitual da Deputación, conclúe.