O BNG reclama ao PSOE que aclare o que pretende facer co tráfico e estacionamento no Casco Histórico
Non nos parece de recibo que non fagan nada para aplicar a ordenanza de tráfico en vigor nin propoñan outra alternativa se non están de acordo coa actual.
Betanzos, 30 de decembro de 2014. O BNG trasladou de novo ao Pleno a situación do aparcamento no Casco Histórico. Hai practicamente un ano o PSOE lanzou a ocorrencia do parking express para as prazas e rúas peonís do Casco Histórico, mais desde aquelas non volvimos ter máis información e mentres seguese incumprindo todos os días a ordenanza de tráfico sen que o goberno local tome medida ningunha para facela cumprir, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
O obxectivo do goberno local coa súa ocorrencia de parking express era legalizar o estacionamento que se leva producindo nestas rúas comerciais desde que gobernou o PP indican desde o BNG. Sen embargo, como é habitual, quedou nun anuncio e, sen que se modificase a ordenanza de tráfico, o goberno local tolera todo este estacionamento indebido a costa do comercio, o patrimonio e os investimentos realizados no Casco Histórico por Concello, Xunta e Deputación para poñelo en valor, criticou o voceiro nacionalista.
Non sabemos se pensan continuar co seu proxecto de permitir o estacionamento indiscriminado no Casco Histórico nin explicaron exactamente cal é o modelo que defenden para o Casco Histórico, indicou Del Río. O voceiro nacionalista solicitou do goberno local que resuma en cinco frases que non sexan lugares comúns cal é o seu Plan para o Casco Histórico.
Os nacionalistas reclamaron de novo ao goberno local do PSOE transparencia e pedironlle que se reúnan con toda a veciñanza do Casco Histórico para explicarlles que pretenden facer. Non nos parece de recibo que non fagan nada para aplicar a ordenanza de tráfico en vigor nin propoñan outra alternativa se non están de acordo coa actual, aclarou Del Río. A situación é preocupante xa que os coches invaden todas as prazas e rúas do Casco Histórico, en moitos casos sen deixar espazo para o paso de peóns por rúas que supostamente son peonís e o PSOE non toma ninguna medida máis que deixar que pase o tempo conclúen.