O BNG reclama ao goberno local que retire os coches abandonados
Na Ribeira e o Malecón hai varios, e a veciñanza do barrio di que o goberno local non fixo nada a pesar de que lle trasladaron esta situación
Betanzos, 17 de xaneiro de 2015. O BNG reclamou ao goberno local que retire os coches abandonados que hai en varios puntos da cidade. Na Ribeira e o Malecón hai varios, e a veciñanza do barrio di que o goberno local non fixo nada a pesar de que lle trasladaron esta situación, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Ademais de inutilizar prazas de estacionamento, estes vehículos abandonados poden chegar a supoñer un perigo para a saúde e para o medio, explican os nacionalistas. Por este motivo, demandan do goberno local que proceda á súa retirada de inmediato, pois sobra normativa que aplicar para sacalos das rúas.
Unha cousa é que retirar un coche abandonado da rúa conleve un proceso administrativo algo farragoso e outra moi diferente é que se deixen estar na rúa, advirten os nacionalistas. Desde o BNG denuncian que ao goberno local do PSOE este asunto só lle leva idea cando xunta varias deceas de coches e o asunto dálle xa para un par de comunicados de prensa.
Cada dous anos, e pode comprobarse na web municipal, o PSOE acórdase do asunto para anunciar que vai retirar varios coches da rúa cando abre o expediente e outro comunicado, aos seis meses, dando conta de que xa os quitou, aseguran os nacionalistas. O PSOE ten máis interese en facer propaganda do tema que en retirar os coches das rúas para evitarlles molestias á veciñanza, lamenta Del Río.