O BNG reclama ao goberno que devolva os postos de embutido á praza de Fernán Pérez de Andrade
Esta é a maneira do PSOE de comprometerse co Casco Histórico e logo veñen con mocións hipócritas pedindo no Pleno que os demais se comprometan co que eles non fan.
Betanzos, 25 de setembro de 2013. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local do PSOE devolva os postos de embutidos e chacinaría da feira á praza de Fernán Pérez de Andrade. Coa escusa das obras de encintado da lousa na praza Fernán Pérez de Andrade e asegurando que lle queda máis cómodo aos feirantes, explicou a concelleira María Otero.
Os nacionalistas, que se comprometeron a trasladar este asunto ao Pleno ante as persoas que traballan no mercado municipal, aseguran que estes postos supoñían un complemento perfecto os días de feira para a oferta de produtos do propio mercado.
Desde o BNG indican que a praza de Fernán Pérez de Andrade queda completamente baleira os días de feira, provocando que menos xente se achegue ao mercado municipal ese día. Por este motivo os nacionalistas exixiron ao executivo do PSOE que dea marcha atrás na súa decisión e devolva os postos de embutido á praza para complementar o mercado.
O PSOE prometeu que ía levar a feira ás prazas do Casco Histórico e neste caso está a facer xusto o contrario, baleirar unha praza que tiña unha especialización para a feira, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. As promesas e os anuncios que fan desde o goberno do PSOE sobre o Casco Histórico e o mercado quedan en evidencia despois con estas medidas, advirte.
Esta é a maneira do PSOE de comprometerse co Casco Histórico e logo veñen con mocións hipócritas pedindo no Pleno que os demais se comprometan co que eles non fan, denuncian.