O BNG pide unha compensación á igrexa por non pagar impostos
O BNG considera que no contexto actual, onde se asiste a recortes das condicións laborais, da educación, da sanidade ou do acceso á xustiza, non ten sentido manter este tipo de privilexios para a Igrexa.
Betanzos, 24 de maio de 2012. O BNG presentou hoxe unha moción para reclamar que a Igrexa Católica pague o IBI dos bens que ten en Betanzos. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, polo que o BNG puido cuantificar, a Igrexa é propietaria de uns 60 000 metros cadrados de fincas e sobre 14 000 en edificios de uso relixioso, cun valor catastral aproximado de tres millóns de euros. Segundo o catastro, son arredor dunha trintena de fincas, urbanas e rústicas, que non tributan, apuntan.
Segundo as estimacións feitas polo BNG, esta realidade traduciríase, no caso de tributar o IBI- do 0,50% en urbana e 0,55% en rústica- nunha tributación aproximada de 15 000 euros, excluíndo de todos os cálculos ás institucións educativas e asistenciais vinculadas coa Igrexa Católica.
Del Río lembra que nun informe de 2010, a Dirección xeral do Catastro daba cifras do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza: 7.691 inmóbeis e un valor catastral de 426 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos municipais. Os nacionalistas consideran incomprensíbel que a Igrexa católica teña o privilexio de non tributar a Facenda polo seu enorme patrimonio, ao tempo que percibe subvencións para a conservación e mantemento do seu patrimonio. Neste sentido, indican a modo de exemplo que a Igrexa percibiu fondos para rehabilitar un inmóbel da súa propiedade, na parroquia de Santa María, con cargo aos fondos da área de rehabilitación do Casco Histórico que están pensados para fixar poboación no conxunto monumental.
A alternativa pode ser a cesión gratuíta de bens inmóbeis da Igrexa que estean desocupados
Ante esta situación, o BNG xa presentou iniciativas no Congreso dos Deputados para redefinir a relación entre a igrexa católica e o Estado e rematar coa importante achega de fondos públicos que se transfiren á igrexa católica e nesta mesma liña presentou unha emenda aos orzamentos do Estado. A igrexa xa recibe unha parte dos impostos de todos a través do IRPF para financiar a súa actividade, coa que financia campañas publicitarias de contido político como a da lei do aborto, e aínda así pide que as administracións públicas leven a cabo a posta en valor do seu patrimonio sen ningunha contraprestación nin cesión para uso público, engadiu o voceiro nacionalista Henrique del Río.
A moción que os nacionalistas levan ao Pleno de Betanzos propón instar ao Goberno do Estado a demandarlle á Igrexa católica o pagamento do IBI polos bens inmóbeis que posúe en Betanzos. O BNG propón ademais, como alternativa, negociar coa Igrexa católica unha compensación co Concello de Betanzos, por estar exenta do pagamento do IBI, que podería consistir na cesión gratuíta de bens inmóbeis eclesiásticos que están desocupados ou na achega dunha cantidade económica equivalente".