O BNG pide ao goberno local que negocie o convenio cos traballadores municipais
Os nacionalistas preguntaron ao goberno do PSOE se pensa asinar o convenio colectivo antes da finalización do mandato ou gastou os cartos públicos nunha empresa para non conseguir resultado ningún.
Betanzos, 31 de xaneiro de 2015. O BNG preguntou no Pleno pola negociación do convenio colectivo e a nova relación de postos de traballo do Concello. Segundo o voceiro nacionalista, Henrique del Río, o goberno local privatizou esta negociación e o prazo que tiña a empresa para entregar os documentos para levar ao Pleno xa rematou.
A falta destes documentos provoca graves desigualdades entre o persoal do Concello, o que repercute negativamente no seu rendemento e, polo tanto, no servizo que emprestan á veciñanza, explicou Del Río. O PSOE chegou ao goberno prometendo un cambio de actitude nas relacións cos traballadores con respecto ás formas do PP e o certo é que, a xulgar polo que din os propios representantes dos traballadores, non hai cambio ningún, engade.
Por este motivo, desde o BNG perguntaron ao goberno local se pensa asinar o convenio colectivo antes da finalización do mandato ou gastou os cartos públicos nunha empresa para non conseguir resultado ningún. Os nacionalistas lamentan que a estas alturas do mandato nin concluísen as negociacións nin estea rematada a redacción do novo convenio colectivo.
Contrato menor para escapar do concurso público
O BNG recordou que a privatización da negociación co persoal municipal foi feita polo goberno local do PSOE evitando o concurso público. Forzaron ao límite a figura do contrato menor para adxudicalo evitando o concurso público e o prazo para entregar o traballo xa rematou, explica o voceiro nacionalista.
Ten pensado o goberno local prorrogar este contrato de forma que resulte evidente que se salta a lei de contratos para adxudicalo directamente evitando o concurso? ironizou no Pleno. Desde o BNG reclamaron ao goberno local do PSOE que apure a negociación destes instrumentos para acabar coas diferencias entre o persoal municipal. Collan a negociación en serio e negocien, non presenten un acordo pechado inamobíbel, pensen na veciñanza, demandou.