O BNG oponse ao convenio do aparcamento do Campo que só beneficia a empresa concesionaria
O convenio é inxusto socialmente porque paga os 20 minutos a quen pode pagalos e a quen non, págalle igual o estacionamento a Amancio Ortega e a quen non dá feito números para chegar a fin de mes.
O Concello obrígase a pagar 7200 euros ao ano a unha empresa que debía estar pagandolle anualmente 6000 euros ao Concello, non só o Concello non saca nada de que unha empresa explote a praza do Campo senón que aínda encima imos ter que pagarlle por facelo.
Betanzos, 29 de outubro de 2014. O BNG votou en contra do convenio proposto polo PSOE para que o Concello pague con cartos públicos 20 minutos a todas as persoas que aparquen no estacionamento soterrado do Campo. É inxusto socialmente porque paga os 20 minutos a quen pode pagalos e a quen non, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Cubre do mesmo xeito a Amancio Ortega se aparca 19 minutos todos os días no Campo que a quen non dá feito números para chegar a fin de mes, insistiu.
Ademais é inxusto socialmente para os barrios e parroquias do concello, porque a ver como fai unha persoa para aparcar no Campo, ir a un comercio na Ribeira e volver ao Campo en menos de 20 minutos, engadiu. É inxusto porque a veciñanza dos barrios ou do rural vai pagar dos seus impostos algo do que non se vai beneficiar, explicou o edil do BNG. Os 20 minutos nin chegan para ir a resolver un asunto ao Concello como haxa cola e iso que está xusto enriba do estacionamento, ironizou.
O BNG insiste en que se o goberno local busca medidas para beneficiar ao comercio local hai outras decisións máis acertadas e sen destinar fondos públicos a elas. Supriman a zona azul da ORA, que total non dá un peso para o Concello, e instalen un sistema gratuíto de rotación do aparcamento e así haberá estacionamento e cartos para o comercio nos petos da veciñanza engadiu Del Río.
O Concello paga os 20 minutos a quen pode pagalos e a quen non, págalle igual o estacionamento a Amancio Ortega e a quen non dá feito números para chegar a fin de mes
Os nacionalistas denuncian, ademais, que a medida supoñerá unha subvención a unha empresa privada que tería que pagar ao Concello por explotar o estacionamento soterrado. Segundo o convenio o Concello pagará 600 euros ao mes por adiantado e cada tres meses axustará as contas, o que quere dicir que de entrada imos darlle 7200 euros á concesionaria e logo a ver que pasa, explica Del Río.
O Concello obrígase a pagar 7200 euros ao ano a unha empresa que debía estar pagandolle anualmente 6000 euros ao Concello, non só o Concello non saca nada de que unha empresa explote a praza do Campo senón que aínda encima imos ter que pagarlle por facelo
Desde o BNG recordan que o canon que tería que estar pagando a empresa é de 6000 euros, pero condonóuselle até 2029 por unhas obras realizadas no aparcamento. De forma que non só o Concello non saca nada de que unha empresa explote a praza do Campo senón que aínda encima imos ter que pagarlle por facelo!, engade o voceiro do BNG.
O que xa é o colmo é que o goberno do PSOE minta nun comunicado público do Concello dicindo que a medida vai custar 6600 euros cando o convenio obriga a pagar por anticipado 7200 e logo revisalo en función das cifras de uso que vai pasar a propia empresa, engaden os nacionalistas. O propio PSOE recoñece que no último trimestre vencido o custo iríase xa aos 6450 euros, denuncian.
Ocorrencia electoralista sen reflexo no orzamento
Desde o BNG advirten, ademais, de que non hai ningunha partida destinada a pagar este convenio no orzamento aprobado hai apenas dous meses polo PSOE clandestinamente na xunta de goberno local. A partida contra a que se pretende pagar non existe nas contas, polo tanto haberá que modificar o orzamento cando se reciban as facturas deste convenio para poder pagalos, explica Del Río. Isto demostra que o convenio non é, nin máis nin menos que unha ocorrencia electoralista do PSOE da que se acordaron agora para facer campaña electoral a costa dos cartos que tiñan que financiar servizos públicos para toda a veciñanza, conclúe o voceiro nacionalista.