O BNG insta a mellorar a zona de estacionamento do Carregal
O Pleno aprobou varias iniciativas do BNG que, ademais de indicar estes estacionamentos, propuñan sinalizar a distancia ás oficinas administrativas, puntos de interese turístico e a praza de abastos municipal medindo a distancia en metros e tamén en minutos
Betanzos, 28 de abril de 2016. O BNG trasladou ao goberno local no pleno do pasado martes a súa preocupación pola situación de deterioración da zona de estacionamento do Carregal situada nun dos solares da xunta de compensación do Pasatempo.
O BNG chamou a atención sobre esta zona de estacionamento porque o Concello está a anunciala como tal, e por iso chamaba a mellorar o estado da parcela. Mesmo sendo conscientes de que non se trata dunha propiedade municipal, non nos parece axeitado manter así unha zona tan céntrica, declaraba o concelleiro nacionalista, Henrique del Río.
O grupo nacionalista interesouse no pasado pleno polas posibles medidas que o goberno puidese tomar na zona, recordando que posibles desperfectos poderían ocasionar responsabilidades para o Concello, dunha zona promocionada como estacionamento gratuíto, declaraba Henrique del Río.
Sinalización de estacionamentos vestibulares e distancia ao centro en tempo
As nacionalistas recordan que xa presentaron varias iniciativas ao Pleno demandando a sinalización dos estacionamentos públicos existentes nos principais accesos á cidade. Ademais de dar servizo ás persoas que visitan Betanzos axudan a sacar vehículos do centro e permite aforrar en estacionamentos de pago ou na ORA, engaden.
Neste sentido, recordan que o Pleno aprobou varias iniciativas do BNG que, ademais de indicar estes estacionamentos, propuñan sinalizar a distancia ás oficinas administrativas, puntos de interese turístico e a praza de abastos municipal medindo a distancia en metros e tamén en minutos. Así quen estacione no Carregal saberá que os mesmos dez minutos que botará dando voltas buscando aparcamento no centro son os que o separan do Casco Histórico ou da oficina de recadación da Deputación, por exemplo, indica Del Río.