O BNG leva ao Pleno o abandono do Pasatempo
A acumulación de restos de podas e de limpeza dos estanques en varios sitios da parte histórica do Pasatempo ten motivado a presenza de ratas, como xa advertiron varios veciños.
Betanzos, 31 de maio de 2012. Logo de que o BNG recibise numerosas queixas veciñais polo aspecto que presenta o parque do Pasatempo, a concelleira nacionalista María Otero advertiu no Pleno da sucidade de estanques, camiños e xardíns e das deficiencias de conservación que presenta unha das grandes zonas de esparcemento con que conta Betanzos.
A concelleira nacionalista referiuse igualmente ao feito de que o lugar onde estaban hai ano e medio as gaiolas que albergaban varias especies de aves actualmente estea ocupado polas marquesiñas do Plan de Transporte Metropolitano que o goberno local aínda non colocou nas paradas de autobús da cidade. Por que están neste lugar?, interpelou a edila do BNG.
O BNG denunciou no Pleno que a acumulación de restos de podas e de limpeza dos estanques en varios sitios da parte histórica do Pasatempo ten motivado a presenza de ratas, como xa advertiron varios veciños. Cre o goberno que con este estado de conservación os técnicos de Patrimonio van informar favorablemente que se declare Ben de Interese Cultural o Pasatempo, como acordou o Pleno?, preguntou Otero.
A participación nos asuntos públicos nunca pode ser vista como un problema
Con respecto á duración dos Plenos até alén da medianoite, o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, indicou que O BNG leva ao Pleno cousas que preocupan aos veciños e defendemos a visión da xente que confiou no BNG en cada asunto que se presenta no Pleno. Ademais o Pleno alóngase porque o alcalde, que non ordena correctamente os plenos, non corta ao PP cando interrompe aos outros grupos.
Por iso o Pleno se desvía dos puntos a debate, e derivan en acusacións persoais e interrupcións, sobre todo por parte do PP, aseguran desde o BNG, que se preguntan a modo de exemplo "a que viña o pasado martes que a Faraldo contase por que rompeu o seu pacto con CxB?".
Os nacionalistas aseguran que se o tempo non chega ou que se convoquen máis cedo os Plenos ou que haxa máis sesións para dar debatido todos os asuntos que lle preocupan á xente, xa que se isto é unha democracia, a participación nos asuntos públicos nunca pode ser vista como un problema como parece que se pretende facer ver en Betanzos.