O BNG leva ao Parlamento a contratación do persoal do albergue de peregrinos
Francisco Jorquera reclama tamén do goberno galego do PP que explique a causa da demora de dous anos na apertura do albergue.
Betanzos, 22 de maio de 2013. O BNG rexistrou dúas iniciativas no Parlamento de Galiza para coñecer como foi contratado o persoal do albergue de peregrinos de Betanzos. O voceiro do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, advirte na súa iniciativa que o persoal estaba xa no albergue a fin de semana anterior á inauguración oficial por parte do presidente da Xunta, o pasado 13 de maio.
Jorquera recorda na súa iniciativa que non hai ningún concurso público convocado para cubrir estas prazas, nin o centro de Betanzos se atopa entre os centros con xestión encomendada a unha empresa, segundo a información que ofrece o portal de contratos da Xunta de Galiza.
Só en Betanzos no pasado mes de abril había 1274 persoas sen emprego recorda na iniciativa o deputado do BNG. Por este motivo, advirte de que as políticas de contratación do persoal deben realizarse sempre coa máxima transparencia, e máxime nun contexto de crise coma o actual.
Neste sentido, desde o BNG reclaman á Xunta que aclare se houbo algún concurso público para a contratación do persoal e, en caso contrario, que o goberno de Núñez Feijóo explique o método seguido para a selección e contratación deste persoal.
Exixencia de explicacións por manter o albergue pechado dous anos
Na súa iniciativa, Francisco Jorquera reclama tamén do goberno galego do PP que
explique a causa da demora de dous anos na apertura do albergue. O voceiro do BNG na Cámara do Hórreo recorda que as obras remataron e o albergue sinalizouse sen abrir, provocando confusión nos potenciais usuarios.
Jorquera lembra que, malia estar pechado e sen uso até agora, o albergue xenerou un gasto estes dous anos para as arcas públicas ao ter acesos os equipos de climatización e deshumidificación para evitar o deterioro do inmoble. Non considera o goberno galego un dispendio de recursos públicos que durante dous anos se estivese asumindo o custe de ter en funcionamento estes equipos co centro pechado, interpela o voceiro do BNG.
Iniciativa albergue comisión , iniciativa albergue resposta escrita
Acto público Un futuro para o galego: desafíos e propostas
O BNG organiza para mañá, xunto coas asociacións culturais Eira Vella e Roxín Roxal, unha mesa redonda titulada Un futuro para o galego: desafíos e propostas. Desde as 20:30 no Salón Azul do Liceo, persoas de moi distintos sectores sociais- ensinantes, técnicos de normalización, actrices, profesionais do audiovisual, asociacións culturais e un crego- debaterán coas persoas asistentes as súas propostas e experiencias para garantir o futuro do galego.