O BNG critica que o PP se erixa en defensor dun GRUMIR que ven de desmantelar
É dun cinismo que espanta que o PP de Betanzos pretenda erixirse en defensor das persoas que traballan no Concello e ao mesmo tempo defenda socialmente a persecución contra eles que fan desde a Xunta e o goberno do Estado.
Betanzos, 21 de maio de 2013. O BNG acusou ao goberno local do PSOE de incumprir o seu plan de igualdade dentro do propio Concello. Evitaron responder á solicitude das traballadoras até o propio día do último pleno, denunciou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Só despois de que o BNG levase unha moción sobre este tema en febreiro o PSOE moveu ficha neste asunto, advirte e para iso dous meses máis tarde e de palabra, como se lles fixeran un favor graciábel.
Ningún dos gobernos que pasou polo Concello, nin do PSOE nin do PP, concedeu por escrito a conciliación ás súas traballadoras cando era o seu dereito, e por iso estamos como estamos, explicou.
A política que tivo o PSOE co GRUMIR en Betanzos é igual de lamentábel que a que sigue o PP desde a Xunta, indican os nacionalistas. De pouco vale lamentarse cando acaban de anunciar esta mesma semana que van suprimir os GRUMIR, aseguran. Deixan á xente sen o servizo que empresta o GRUMIR e á vez o PP ven de defensor destes traballadores en Betanzos, porque está na oposición, apuntan. Non vimos que no Parlamento de Galiza os defendesen tanto, nin a estes nin a ningún outro empregado público, ironizou Del Río.
De feito, tampouco en Betanzos os defenderon realmente, xa que o PP se mantivo nunha moi calculada indefinición diante da readmisión dos operarios do GRUMIR para conseguir atraer a CxB, recordan. E despois de vender na prensa unha moción de censura, nin con esas a dereita se deu posto de acordo para gobernar en Betanzos, ironizan.
Para os nacionalistas, a esta situación súmase o novo recorte de salario para os empregados das administracións locais quen ven de anunciar o goberno de Rajoy. É dun cinismo que espanta que o PP de Betanzos pretenda erixirse en defensor das persoas que traballan no Concello e ao mesmo tempo defenda socialmente a persecución contra eles que fan desde a Xunta e o goberno do Estado, aseguran.
O novo recorte ao persoal municipal ven sumarse á retirada da paga extra de Nadal e vai ter un impacto moi negativo na economía local advirten. Estas son as medidas para crear de emprego do PP, que pechen máis comercios en Betanzos por estes recortes e pasar por riba das 1274 persoas sen emprego que xa hai, denuncian.