O BNG lamenta que o PSOE pretenda manter as honras públicas a máis dunha ducia de franquistas
Ningunha persoa que colaborou activa e decididamente en manter o réxime nacido do golpe de estado do 1936 ocupando cargos públicos merece o recoñecemento dunha sociedade democrática. Vai sendo moita hora de que o PSOE se decida a acabar coas honras aos cómplices e seareiros de Franco.
Betanzos, 9 de abril de 2014. O BNG lamentou que o goberno municipal do PSOE pretenda manter as honras públicas aos franquistas que enchen o rueiro e a relación de fillos adoptivos e medallas de Betanzos, pasando de 20 recoñecementos honoríficos. Por este motivo, os nacionalistas anunciaron onte na comisión de honras que presentarán un voto particular á proposta que o goberno local levou á comisión e que presentará a Pleno.
Os nacionalistas recordan que en varias ocasións, tras presentalo o BNG, o Pleno acordou a retirada de todas as honras públicas que o Concello de Betanzos aínda mantén ao dictador, ministros, alcaldes e demais cargos públicos do réxime, así como aos patrocinadores, propagandistas e ensalzadores do golpe militar e posterior dictadura. O voceiro do BNG, Henrique del Río, explicou que desde que recuperou o goberno local, o PSOE leva practicamente tres anos xogando con informes e comisións para non aplicar a Lei de Memoria Histórica que o propio PSOE aprobou.
O PSOE négase a retirarlle honras públicas e rúas a máis dunha ducia de cargos públicos franquistas
O réxime ditatorial, baseado na persecución e aniquilación física dos defensores e defensoras da liberdade, da xustiza social e dos dereitos das persoas, foi mantido polo exército, a oligarquía e a Igrexa católica durante os seguintes corenta anos mediante a feroz represión de calquera oposición, utilizando para iso medios que poden ser cualificados de xenocidio contra o seu propio pobo e terrorismo de Estado recordan desde o BNG. Os nacionalistas entenden que ningunha persoa que colaborou activa e decididamente en manter o réxime nacido do golpe de estado do 1936 ocupando cargos públicos merece o recoñecemento dunha sociedade democrática.
Neste sentido, desde o BNG lamentan que despois de tres anos mareando a perdiz, a proposta do PSOE para cumprir a súa propia Lei limítase a retirar as honras só a 9 destes individuos. A proposta do PSOE limítase a retirar as honras ao xeneral Franco, a rúa e retrato da Sala Capitular a Julio Pérez Salas e as medallas a Girón de Velasco e outros seis altos cargos do réxime, indican.
O PSOE terá que explicar por que ve normal manter as honras públicas ao primeiro alcalde do réxime, que puxo do seu peto 400 000 pesetas en 1936 para patrocinar aos fascistas que asasinaron a varias ducias dos seus veciños, apunta Del Río. O PSOE mantén as rúas aos alcaldes franquistas, tratando de gañar apoios na dereita e insultando incluso a memoria dos seus edís asasinados, engaden. Semella que para o PSOE hai determinadas familias que son intocábeis e están por riba incluso da Lei, ironiza.
Vai sendo moita hora de que o PSOE se decida a acabar coas honras aos cómplices e seareiros de Franco
Non entendemos como o PSOE puido retirarlle sen problemas as honras públicas a Lobo Montero en 2009 nas Pontes e en Betanzos pretenden seguir rendéndolle homenaxe, indica o voceiro nacionalista. Nin por que en Logroño o PSOE puido apoiar a retirada das honras públicas a Martín Ballestero e en Betanzos temos que seguirlle dedicando un barrio explica. Vai sendo moita hora de que o PSOE se decida a acabar coas honras aos cómplices e seareiros de Franco, asegura.
Iso si, malia manter asasinos e cómplices no rueiro deliberadamente, logo o PSOE non ten reparo en facer
homenaxes á República o 14 de abril, ironiza. Para o BNG, o goberno local do PSOE é un dos motivos polo que Betanzos aínda rende honras públicas aos franquistas. Segundo o voceiro nacionalista, é obvio que o PSOE busca o apoio da dereita para gobernar. Por este motivo, o PSOE non se opuxo a que en pleno debate por retirar as honras aos persoeiros do franquismo o PP propuxo dedicar unha rúa ao último alcalde da dictadura.
Unha reparación digna para as familias das persoas represaliadas
O Pleno tamén acordou, a iniciativa do BNG, que o Concello garanta o dereito a coñecer a verdade sobre aquel réxime, para contrarrestar os intentos de reescribir a historia que veñen facendo por parte dos seus herdeiros. As vítimas do franquismo, tanto as persoas que foron asasinadas, como as que foron represaliadas e as súas familias, teñen dereito a unha reparación digna e non discriminatoria e a ver que o actual estado de impunidade dos responsábeis dos crimes contra a humanidade remata, engaden. Por desgraza, o PSOE non dou ningún paso para cumprir este acordo, aclara Del Río, que lamenta que se non tiñan intención de cumprilo, non sei para que o apoiaron no seu día.