O BNG informa dos recortes na sanidade pública
A Xunta do PP restrinxe a atención sanitaria a persoas sen emprego e sen prestación sanitaria: déixaos sen médico de cabeceira e obriga a pagar un compromiso de pago en Urxencias.
Betanzos, 17 de novembro de 2011. O BNG iniciou esta mañá un reparto informativo sobre os últimos recortes practicados até a data polo goberno galego, en mans do PP. Despois da Orde do 5 de setembro dictada pola Consellería de Sanidade, as persoas que están no desemprego, que esgotaron a súa prestación ou que permanecen desempregadas máis de 12 meses non teñen dereito a médico de cabeceira, nin especialista nin a probas diagnosticas ou medicamentos, só a urxencias ou emerxencias sendo obrigadas a asinar un compromiso de pago.
Ademais, o goberno de Feijóo abre a porta a cobrar polo que definen como "uso irresponsábel" da Sanidade pública, segundo o protocolo de traballo enviado a todos os Centros de Saúde. A medida afectará aos doentes crónicos ou a unha muller que debe agardar por unha cita xinecolóxica ata o 2013 e que utiliza o servizo de urxencias para acceder máis rapidamente á lista.