O BNG entende que non se pode valorar positivamente o primeiro ano de mandato do PSOE
Del Río: entendemos que o momento actual é complicado economicamente e non se piden grandes cousas, pero hai un lote de acordos tomados no Pleno que dependen case en exclusiva da vontade política do goberno e que non se están cumprindo.
Betanzos, 25 de maio de 2012. O BNG entende que non se pode valorar positivamente o primeiro ano de mandato do PSOE xa que o goberno local non levou a cabo nin as propostas de escaso custo económico ás que se comprometera o alcalde en campaña hai un ano.
Neste sentido, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, asegurou que entendemos que o momento actual é complicado economicamente e non se piden grandes cousas, pero hai un lote de acordos tomados no Pleno que dependen case en exclusiva da vontade política do goberno e que non se están cumprindo. Entre estes acordos que non se cumpren, os nacionalistas citan a modo de exemplo as novas bases xerais de contratación de persoal temporal, o Plan de Igualdade, o Plan para o Casco Histórico ou a construción da pista de skate cuberta, entre outros.
"Algunha cousa positiva se fixo, como limpar os malecóns ou atender as suxestións do BNG nas ordenanzas fiscais, por exemplo para cobrar aos caixeiros na vía pública, pero o global non é o que cabería agardar"
É certo que algunha cousa positiva se fixo, como limpar os malecóns ou atender as suxestións do BNG nas ordenanzas fiscais, por exemplo para cobrar aos caixeiros na vía pública, pero o global non é o que cabería agardar, indica a responsábel local do BNG María Otero.
Os nacionalistas son moi críticos co goberno do PSOE no tocante ao centro de día do antigo ambulatorio. Hai un ano o alcalde comprometíase a facer todo o posíbel para abrir un centro de día no ambulatorio e recentemente pediu a cesión do edificio para outros usos, renunciando na práctica a ter alí un centro de día público, recorda Del Río. Outro compromiso era axilizar a construción do novo colexio e permitíuselle a Feijóo tomarlle o pelo á cidadanía, ao igual que cando se privatizou a escola infantil do Pasatempo, xa que o goberno local do PSOE non tivo nunca unha postura firme nestes temas, apuntan.
Os nacionalistas aseguran que moitas das actuacións son máis cuestións de vontade política que de cartos. Neste sentido, indican que cando apoiamos a investidura do alcalde, cumprindo o noso compromiso de que non gobernaría a dereita se estaba na man do BNG, contabamos cun cambio de actitudes que non vemos. Nestas actitudes que non cambiaron desde o BNG inclúen o trato que dá o goberno aos empregados municipais con constantes conflitos cun comité de empresa ao que non recoñecen.
Na mesma liña, censuran a falta de transparencia do executivo do PSOE á hora de responder ás preguntas que a oposición formula nos plenos. O mesmo tipo de respostas que criticaban ao PP cando estaban na oposición agora dánnolas a nós desde o goberno, recrimina Del Río, que asegura que con esta actitude calcada da dereita o goberno local dificulta a función de control do goberno que ten que exercer a oposición.