O BNG denuncia a falta de investimento para Betanzos nos orzamentos da Xunta
“A peor noticia é que non aparecen fondos para a rehabilitación do Casco Histórico”. “Queda probado que o proxecto para a Ribeira vendido antes das eleccións polo PP tan só era fume electoralista”.
“A peor noticia é que non aparecen fondos para a rehabilitación do Casco Histórico”. “Queda probado que o proxecto para a Ribeira vendido antes das eleccións polo PP tan só era fume electoralista”.
Betanzos, 28 de outubro de 2011. O BNG ofreceu a súa valoración dos orzamentos da Xunta para Betanzos. Na comparecencia participaron a deputada Ana Luísa Bouza, o voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río, e María Otero, do Consello Local do BNG. Os nacionalistas lamentan que as contas do goberno galego non conteñan máis investimento para a cidade.
“A peor noticia é que non aparecen fondos para a rehabilitación do Casco Histórico”, indicou Ana Luísa Bouza, que criticou que tan só aparezan 3200 euros para este cometido. A parlamentar nacionalista censurou que non aparezan actuacións relevantes en investimentos á marxe do colexio.
O voceiro nacionalista, Henrique del Río, valorou a partida para a construcción do novo colexio de primaria, se ben lembrou que era unha obra que “chega tarde” porque a comunidade escolar “levaba anos agardándoa”. Recordou que o goberno municipal do PP retrasou catro anos a entrega dos terreos para o colexio e que o centro podía estar xa en funcionamento.
O PP vendeu “fume electoralista” na Ribeira
Os nacionalistas tamén indicaron que nas contas da Xunta para 2012 non aparece ningunha partida para a Ribeira. Neste sentido, Del Río entende que “queda probado que o proxecto vendido antes das eleccións polo PP tan só era fume electoralista” dado que “non hai un céntimo para el”.
Bouza advertiu de que “Betanzos vaise ver afectado, ademais, polos recortes xerais que hai nos orzamentos”, e indicou que a Xunta prevé investir 16 millóns de euros menos na sanidade pública ou recurtar 12 millóns no ensino. “As contas da Xunta demostran que o PP mentiu o martes no Pleno do Concello negando os recortes no ensino” advertiu o voceiro municipal do BNG.
Os nacionalistas traballan en incorporar partidas para dotar de fondos estes investimentos, presentando enmendas aos orzamentos durante o seu trámite parlamentario.