O BNG denuncia que a condea do Alfonsetti non está recollida nos orzamentos
Alguén do PSOE terá que explicar por que imos ter que pagar dúas veces polo mesmo, logo de pagar 18 000 euros por 11 altofalantes que xa estaban no Cine e que nin se recolocaron no Alfonsetti nin se sabe onde van se non valían
Betanzos, 17 de xullo de 2014. O BNG advertiu de que nos orzamentos que o Pleno debaterá o vindeiro luns non hai un só euro para a sentenza que condena ao Concello a pagar polo Alfonsetti. O PSOE anunciou que non van recorrer a sentenza pero no orzamento que van levar a Pleno unha semana despois non hai un peso para pagar a sentenza. Despois teremos xuros acumulados que como vemos non son un problema porque os pagamos con cartos de todos os veciños e veciñas, ironizou o voceiro nacionalista Henrique del Río.
É un escándalo que 600 000 euros do orzamento se vaian gastar en pagar sentenzas xudiciais por facer as cousas mal desde os anteriores gobernos do PSOE e o PP e ninguén vaia a asumir a súa responsabilidade
Hai máis de 600 000 euros para outras sentenzas, segundo informou o PSOE, mais a cantidade non se modificou a raíz do fallo sobre o Alfonsetti, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, é un auténtico escándalo que 600 000 euros do orzamento anual se vaian gastar en pagar sentenzas xudiciais por facer as cousas mal desde os anteriores gobernos tanto do PSOE como do PP e ninguén vaia a asumir responsabilidade ningunha.
Parécenos surrealista que agora o goberno local do PSOE anuncie despois de tres anos de goberno que por fin se vai dar uso a un edificio como o Alfonsetti que supuxo un gasto enorme de cartos públicos e que, por certo, xa ten humidades e outras deficiencias, criticou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Esta claro que neste tema do Cine Alfonsetti os beneficiados foron os antiguos propietarios, unha coñecida familia vinculada ao Partido Popular e os prexudicados todos os os veciños e veciñas.
Resulta incomprensíbel desde calquera punto de vista que o PP e CxB asinaran un acordo para beneficiar con cartos públicos aos propietarios naquel momento. Indemnizandoos por uso do edificio que xa non existía, como todos sabemos. Mais aínda resulta máis incomprensíbel que o PSOE non anulara este acordo e a pesar de todo nos embarcara nun proceso xudicial que tivo uns custes en condea, xuros e costas que imos asumir todos, criticou Del Río, esta claro que o PSOE so pretendía facer ver que estaba en contra deste acordo porque se o estivese realmente modificariao no Pleno cando tivo oportunidade.
Alguén do PSOE terá que explicar por que imos ter que pagar dúas veces polo mesmo, logo de pagar 18 000 euros por 11 altofalantes que xa estaban no Cine e que nin se recolocaron no Alfonsetti nin se sabe onde van se non valían
Tiñan os informes dos técnicos para basearse pero preferiron arriscar o que é de todas e todos para escorrer o vulto, indicou. O lóxico é que agora asuman a súa responsabilidade nesta sentenza con todas as consecuencias, engaden desde o BNG.
Dotación de equipamento para o Cine Alfonsetti
Os nacionalistas celebran que apareza agora unha partida presuntamente destinada a equipar o cine. Algo que se prometeu en 2012 até a saciedade polo equipo de goberno e que non se cumpriu, explica Del Río. A ver se desta vai, ironizou.
Porén, desde o BNG recordan que o Concello xa pagou pola adquisición de equipo de son para o Cine Alfonsetti. Dentro da indemnización que se lle pagou aos Pita, na parte que o PSOE daba por boa, ían 18 000 euros por 11 altofalantes que xa estaban no Cine, indica Del Río. Alguén do goberno do PSOE terá que explicar por que toda a veciñanza imos ter que pagar dúas veces polo mesmo, exixe. E alguén do PSOE terá que aclarar onde van eses 11 altofalantes e por que, se non valían para poñer no Cine novamente, decidiron pagar 18 000 euros por eles, engade. É visto que ao PSOE impórtalle ben pouco que a veciñanza paguemos dúas veces polo mesmo, lamenta.
Por unha cousa ou por outra, temos un edificio público que custou un diñeiral rehabilitar pechado e practicamente sen uso, resume Del Río. Os únicos beneficiados coa operación foron os Pita e a prexudicada foi a veciñanza de Betanzos, engade. E os responsábeis de todo isto miran para outro lado para non asumir o dano causado, conclúe.