O BNG reclama ao goberno local que actúe diante do envelenamento de varias mascotas

O BNG reclama ao goberno local que actúe diante do envelenamento de varias mascotas

O grupo municipal do BNG

“Xa temos denunciado que a política ambiental do PSOE é a mesma que o PP, uso e abuso de herbicidas mesmo a carón do río”.

Betanzos, 13 de setembro de 2013. O BNG reclamou ao goberno local que estreme a vixilancia logo de que varias persoas denunciasen o envelenamento de varios cans en distintos puntos da zona urbana. Os nacionalistas advirten do perigo que esta situación supón xa que “varios destes casos téñense dado en lugares onde hai parques infantís próximos”.

“Ademais de ser unha ameaza real para a vida dos animais de compañía, é un risco máis que evidente para as persoas que van a estes parques infantís, singularmente os nenos”, advertiu o voceiro do BNG, Henrique del Río.

Segundo os nacionalistas, os veterinarios que tiveron que acudir en auxilio dalgunha das mascotas afectadas descartan que se trate de envelenamentos producidos por produtos utilizados para combater pragas de roedores. Pola contra, os profesionais terían sinalado como outra posíbel causa algún produto empregado como herbicida nos xardíns públicos.

Diante desta situación, os nacionalistas reclamaron ao goberno local que tome as medidas necesarias para rematar coa situación de inseguridade que estes feitos provocaron na veciñanza. Os nacionalistas entenden que un Concello que ven de declararse “Amigo dos Animais” mediante unha declaración do Pleno debe ter unha postura decidida neste sentido.

“E no caso de que se confirme o herbicida como causa, obviamente, que se deixe de inmediato de usar estes produtos”, apuntan desde o BNG. “Xa temos denunciado que a política ambiental do PSOE é a mesma que o PP, uso e abuso de herbicidas mesmo a carón do río”, recorda o voceiro nacionalista, “agardabamos que a declaración como Reserva da Biosfera implicase algún cambio no goberno local pero o PSOE xa deixou moi claro no Pleno que eles prefiren o fumigado con herbicidas a outras prácticas menos prexudiciais para o medio e mesmo para a saúde humana”.

O BNG reclama ao goberno local que actúe diante do envelenamento de varias mascotas