O BNG demanda o traslado do cuartel da Guardia Civil

O BNG demanda o traslado do cuartel da Guardia Civil

Ante a intención do goberno local de ampliar a contorna de seguridade da casa-cuartel privando aos negocios e residentes da zona dos estacionamentos existentes na praza de Afonso IX, os nacionalistas propoñen ubicar o cuartel na periferia da cidade, onde as restriccións do perímetro de seguridade non afecten á vida cotiá.

Betanzos, 8 de outubro de 2009. Ante a alarma social causada polo anuncio do goberno local de “regular” o tráfico no entorno da casa-cuartel da Guardia Civil suprimindo estacionamentos nas inmediacións, o BNG entende que unha medida como a anunciada polo goberno local de PP e CxB influiría negativamente na vida cotiá dos residentes e comerciantes da praza de Afonso IX. Por este motivo os nacionalistas emprazan á coalición conservadora a buscar outro tipo de solucións. “Se tanta seguridade exixe o cuartel, reclamando tantas medidas que merman a calidade de vida dos veciños e veciñas da zona, o recomendable daquela será emprazalo alí onde a súa presenza non repercuta negativamente na vida cotiá da xente” indicaron os concelleiros do BNG.

Os nacionalistas reclaman ao goberno local que busque alternativas que permitan ubicar a casa-cuartel no extrarradio da cidade, “onde os protocolos de seguridade non supoñan recortes de comodidades ou dereitos para a xente”. Para o BNG esta medida permitiría evitar que os veciños e veciñas da praza de Afonso IX teñan que padecer as incomodidades derivadas das medidas de seguridade do cuartel, contar unhas dependencias policiais máis modernas que cumplan todas as exixencias de seguridade para os axentes e usuarios do cuartel e incorporar a parcela onde actualmente se levanta a casa-cuartel para uso municipal.

 

A proposta beneficiaría á veciñanza e o Concello e permitiría ter unhas novas e modernas dependencias policiais

 

Desde o BNG recriminaron ao goberno local adoptar unha medida deste calado sen ter presente as consecuencias que trae e de costas á xente. Tamén afearon o uso dunha “nova terminoloxía” segundo a que suprimir máis de cincuenta prazas de aparcamento é unha “reordenación do tráfico”. “Non se pode engañar así á xente” censuran, á vez que recordan ao goberno local que “se queren reordenar o tráfico, que prohíban a circulación e estacionamento nas rúas e prazas peonís do Casco Histórico ou persigan o estacionamento en dobre fila”.

O BNG demanda o traslado do cuartel da Guardia Civil