O BNG demanda modificar o horario da OMIX para adaptalo ás necesidades da mocidade
Non ten sentido abrir esta infraestrutura xuvenil só en horario de mañá, cando a mocidade está maioritariamente en clases, excepto no verán.
Betanzos, 25 de xuño de 2014. O BNG propoñerá no Pleno que a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) modifique o seu horario para abrir en horario de tarde. Segundo explican os nacionalistas na súa iniciativa, a a causa do horario de clases e estudo, agás no verán, a mocidade só pode achegarse a este servizo en horario de tarde.
Desde o BNG apuntan que os recentes cambios no horario da OMIX levan a que abra como as dependencias estrictamente burocráticas dunha Administración. Estes cambios teñen provocado queixas dun grupo de usuarios e usuarias, que o BNG recolleu e trasladará ao Pleno. Os nacionalistas entenden que un servizo municipal cun público tan específico e definido como a oficina de información xuvenil ten que amoldar, na medida do posíbel, o seu horario ao da mocidade.
Por este motivo, e exceptuando as vacacións do persoal, os nacionalistas demandan ao goberno local do PSOE que amolde o horario de atención ao público deste departamento ás necesidades dos seus usuarios. Fóra do período de vacacións, a mocidade non dispón do horario de mañá para ir á OMIX en busca de información ou axudas, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Esta situación, segundo o BNG, leva a que esta instalación pensada especificamente para dar resposta ás necesidades da mocidade está infrautilizada ou dedicada a outras tarefas. Lamentan que co actual horario de apertura o executivo do PSOE está relegando un segundo ou terceiro plano a información xuvenil que, ademais de lle dar nome a este servizo municipal, debera ser a razón de ser.
Por este motivo os nacionalistas propoñerán amoldar o horario da OMIX ás necesidades da mocidade. Non haberá que insistir en que a mocidade non dispón, fóra de vacacións, das mañás para xestións porque está en clases, insiste Del Río.