O BNG cuestiona que o PSOE queira adxudicar 94 600 euros a dedo en axudas
"Dar axudas a dedo é unha maneira de comprar votos e impide que aparezan novas asociacións no Concello porque non todas teñen as mesmas oportunidades para acceder a subvencións municipais.
Betanzos, 23 de maio de 2012. O BNG cuestionou que o PSOE pretenda destinar 15 000 euros máis para subvencións nominativas nos orzamentos municipais. Estas axudas son adxudicadas directamente polo goberno local e non todas as entidades teñen opción de acceder a estes fondos públicos. En total, a proposta do PSOE prevé un gasto de 94 600 euros en subvencións directas por esta vía.
Entendemos que algunhas destas subvencións directas poden ser necesarias, como a da ANPA ou ACEBE, pero este proceder como regla fomenta o clientelismo político, censuran desde o BNG. Os nacionalistas propoñen que os fondos para as entidades sexan distribuídos mediante convocatorias públicas ás que poidan acceder todas as asociacións de Betanzos e non só as que o PSOE queira.
O BNG recorda que xa criticaron este mesmo proceder por parte do goberno local do PP. Dar axudas a dedo é unha maneira de comprar votos e impide que aparezan novas asociacións no Concello porque non todas teñen as mesmas oportunidades para acceder a subvencións municipais.
No BNG critican tamén que non aparezan reflectidos no proxecto de orzamento que lles presentou o PSOE entidades ás que se lle adxudicaron subvencións recentemente. Se en novembro xustificaron a necesidade dun modificativo de crédito para subvencións nominativas para organizacións que actúan no campo social aducindo á crise non parece lóxico que agora non se contemplen, indica Henrique del Río. Parece que pretenden facer un orzamento para modificalo dentro de dous días, xa que consideran que así se evita dar explicacións aos veciños sobre o uso que se dá aos cartos.