O BNG cuestiona que o PP invente a circunvalación oeste me abandone a seguridade na N-651
PSOE e PP andan sacando ocorrencias electoralistas que non van a ningún sitio mentres esquecen os problemas reais da xente
Betanzos, 1 de maio de 2012. O BNG explicou onte no barrio da Ponte Vella a súa postura diante dos orzamentos do Estado aprobados polo goberno do PP. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, indicou que mentres se recortan os fondos da educación ou a sanidade pública facendo que se incrementen as matrículas universitarias, o número de alumnos por aula ou que haxa que pagar os medicamentos, as achegas do Estado á Igrexa, a Casa Real ou o gasto militar mantéñense practicamente iguais. Por este motivo, acusou ao goberno de Rajoy de practicar unha austeridade selectiva que se ceba coas maiorías sociais desmantelando o Estado de Benestar.
Dentro dos recortes do PP situou o feito de que o goberno do Estado non destina un só céntimo á seguridade viaria na N-651, que atravesa o barrio e que ten motivado varias iniciativas do BNG tanto no Concello de Betanzos como no Congreso. Fronte a un problema real cunha estrada estatal nos barrios da Ribeira e a Ponte Vella, a resposta do PP é sacar da manga un vial para conectar a N-VI e a A6 que o propio Ministerio de Fomento recoñece que non é en absoluto imprescindíbel, censurou ao tempo que lamentou que a resposta do goberno local do PSOE sexa pedir outro vial máis, igual de innecesario a día de hoxe, mentres hai que pagar por ir ao médico.
Fronte a un problema real cunha estrada estatal nos barrios da Ribeira e a Ponte Vella, a resposta do PP é sacar da manga un vial para conectar a N-VI e a A6 que o propio Ministerio de Fomento recoñece que non é en absoluto imprescindíbel
O edil nacionalista acusou a PSOE e PP de andar sacando ocorrencias electoralistas que non van a ningún sitio mentres esquecen os problemas reais da xente.
Neste sentido, anunciou que unha das 177 emendas aos orzamentos do Estado presentadas polo BNG no Congreso dos Deputados era para pedir un millón de euros para a seguridade viaria na estrada estatal que cruza Betanzos e varios municipios da comarca, unha necesidade real e demandada polos veciños, e non as ocorrencias do PSOE e o PP na prensa, indicou.
Iniciativas relacionadas co barrio da Ponte Vella
O acto serviu ademais para que o BNG fixese balance da súa actividade institucional relacionada co barrio e para presentar á que será nova concelleira nacionalista, María Otero. Esta explicou as iniciativas relacionadas coa deficiencia no subministro eléctrico que padece unha parte da rúa Saavedra Meneses e o amaño de varias fontes tradicionais.
Tamén se referiu á problemática da rúa do Mandeo, onde o goberno local do PSOE anunciou varias veces avances que non se producen na situación urbanística do edificio situado no número 50. Están creando unha expectativa que se vai frustrar porque non hai nada detrás, advertiu Otero. O BNG recolleu igualmente todas as demandas que os asistentes trasladaron.