Galiza Nova acusa ao PP de querer censurar a liberdade de expresión
O que o PP está pedindo ao alcalde é que prevarique e censure as actividades das asociacións que non lle caen ben.
Betanzos, 16 de outubro de 2012. Galiza Nova saíu ao paso das acusacións do PP sobre a celebración do DesConcerto. As mocidades nacionalistas aseguran que no concerto non se fixo ningún ataque persoal contra ningún dirixente do PP, senón que na súa acción política cotiá Galiza Nova cuestiona as políticas que desenvolve o PP desde a Xunta e o goberno español en favor da banca e a igrexa e contra a mocidade galega.
Galiza Nova é unha asociación xuvenil e organiza actividades para a xente nova, indican desde as mocidades do BNG. Os mozos e mozas nacionalistas entenden que está de máis o ataque do PP ás súas actividades, que entenden débese ao medo de que a xente nova lle dea as costas por obrigalos a emigrar.
Sobre o uso dun espazo municipal para o concerto, Galiza Nova entende que como calquera colectivo de Betanzos pode solicitar os equipamentos públicos. O problema é que ao PP sóbralle a liberdade de expresión e pretende prohibir opinións contrarias á súa, indican. Para isto, non dubidan en demonizar ao que pensa diferente, porque ao PP sóbralle a democracia.
Ao PP o que lle molesta é a liberdade de expresión
Os mozos e mozas nacionalistas recordan, ademais, que o PP de Betanzos e a súa lider, María Faraldo, son reincidentes neste tipo de ataques á liberdade de expresión. É xa unha tradición que a Faraldo ataque ao Concello por ceder espazos para Galiza Nova e tamén é un mal costume do PP que retiren cartelaría dos actos de Galiza Nova, como cando se pasou o filme Hai que botalos ou cando se facía a campaña contra a raíña das festas. Son probas do verdadeiro talante do PP, conclúen.
Hai un regulamento de uso de locais sociais no Concello e Galiza Nova é unha entidade constituída legalmente que solicitou polo conducto regulamentario o uso do local, indican desde Galiza Nova. O que o PP está pedindo ao alcalde é que prevarique e censure as actividades das asociacións que non lle caen ben, aseguran.
Sobre a acusación de queimar unha bandeira nun acto de Galiza Nova, os mozos e mozas nacionalistas retan ao PP a que proben semellante acusación. Advirten que a propia Faraldo recriminou esta suposta acción a Galiza Nova sendo alcaldesa e que están dispostos a levar ante a Xustiza a Faraldo por difamación se continúa sostendo esta calumnia.
A mocidade nacionalista entende que o acto obsceno é que unha imputada vaia na candidatura ao Parlamento para conseguir a condición de aforada e esquivar a Xustiza.