O BNG critica a supresión do premio por votación popular nas Balconadas
O BNG propón abrir a organización do certame ás entidades culturais e veciñais de Betanzos xa que é o Concello o organizador do evento.
Betanzos, 9 de maio de 2012. O BNG cuestiona que o goberno local do PSOE manteña a supresión do premio por votación popular na Bienal Balconadas, que se celebrará este verán. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, as Balconadas tiñan un premio que decidía o público votando e o PP hai catro anos decidiu suprimilo. Os nacionalistas lamentan que o goberno local do PSOE prescinda tamén do criterio veciñal á hora de repartir os premios.
O feito de entregar un premio á obra que máis convence aos veciños era unha singularidade máis do certame, explica Henrique del Río. O BNG entende que con esta canle de participación os veciños podían sentirse partícipes do certame e era unha forma máis de implicar á xente na creación artística, con independencia de que sexan expertos na materia ou profanos. Este proceder alonxa o evento da maioría dos veciños e deixa para unha elite de entendidos.
Con afán construtivo e para a vindeira edición, Henrique del Río propón dado que o Concello é o organizador do certame, que se abra a organización á participación das entidades culturais da cidade. O BNG incluíu no seu programa de goberno crear un consello de cultura, onde as entidades e asociacións participen no deseño da política cultural de Betanzos, lembra o concelleiro do BNG. Entende que esta participación cidadá pode achegar ideas en positivo e organizar determinados eventos.