O BNG critica que 4 días antes do fin do prazo para xustificar as axudas aínda non foron resoltas
O normal é que resolvas a orde nun prazo razoábel, e a saída se non fas os deberes sería prorrogar o prazo de xustificación de oficio e antes de que estea a piques de expirar e non chegar a esta situación.
Betanzos, 11 de decembro de 2014. O BNG lamentou que a catro días de que remate o prazo para xustificar as subvencións municipais aínda non estea resolta a convocatoria. Non pode ser que lle exixas ás asociacións que xustifiquen os gastos dunha axuda que aínda non teñen concedida, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Segundo as bases desta convocatoria, publicada o 23 de setembro, para conceder estas axudas hai unha comisión con presenza dun concelleiro de cada un dos grupos municipais, explicou Del Río. Como toda comisión, esta xuntanza hai que convocala cun mínimo de 48 horas de antelación para poder revisar a documentación e a día de hoxe ao BNG o goberno local non o convocou, engade. Polo tanto, de mañá en dous días estaremos como moi cedo valorando os proxectos presentados á convocatoria de axudas. As entidades terán que xustificar os gastos e actividades ao día seguinte, non ten ningún sentido, denuncia.
Esta forma de actuar do goberno do PSOE non é normal xa que impide ás asociacións que poidan programar a súa actividade denuncia o edil do BNG. Non pode ser que unha entidade non saiba a fin de ano se lle conceden ou non a axuda do Concello, indica. Iso si, despois todos os días o alcalde sae nos medios de comunicación entregando algunha das subvencións concedidas a dedo e dicindo que de non ser polo goberno local as asociacións desaparecerían, denuncia.
Esta forma de actuar do goberno do PSOE non é normal xa que impide ás asociacións que poidan programar a súa actividade
Desde o BNG contrapoñen esa actuación coa que o goberno do PSOE ten coas asociacións que non teñen subvención nominativa e teñen que acollerse á orde de subvencións para poder optar a recibir cartos do Concello. O PSOE xestiona mal a mantenta a orde pública de subvencións porque non lle interesa, prefire vender favores con subvencións a dedo e mercar vontades con cartos públicos, denuncian.
Desde o 23 de setembro en que publican a orde a estas alturas do ano tiveron tempo máis que de sobra para resolver este procedemento e non estar agora na situación de exixir xustificar unhas axudas que non se concederon, relata. O normal é que resolvas a orde nun prazo razoábel, e a saída se non fas os deberes sería prorrogar o prazo de xustificación de oficio e antes de que estea a piques de expirar e non chegar a esta situación, engade.
O PSOE xestiona mal a mantenta a orde pública de subvencións porque non lle interesa, prefire vender favores con subvencións a dedo e mercar vontades con cartos públicos
A consecuencia é que se ao final alguén denuncia, que sería o lóxico, van invalidar a orde de axudas e deixar sen cartos públicos ás entidades que non levan axudas a dedo, engade o portavoz municipal nacionalista. E todo ven motivado, no fondo, en que no PSOE están máis preocupados en facer as fotos vendendo favores con cartos públicos que en colaborar con quen ten actividade e, polo tanto, dereito a que se lle axude, explica.
A web municipal non ofrece ningunha información ás entidades
Os nacionalistas lamentan, ademais, que sexa moi complicado atopar a orde de axudas na web municipal para que os responsábeis das distintas asociacións poidan resolver as dúbidas que se lles presentan ante esta situación. Na páxina web do Concello é complicadísimo atopar a convocatoria das axudas ou información para as asociacións sobre tema ningún fóra das notas de prensa que envía o goberno local e un listado das asociacións dadas de alta no rexistro, criticou Del Río.
O portal de asociacións da web municipal esta completamente baleiro e a información sobre os locais sociais, as diferentes actividades, as axudas convocadas resulta complicadísima de atopar cando non imposíbel, criticou o nacionalista. Cando presentamos iniciativas para dinamizar o tecido asociativo e avanzar na transparencia do Concello o PSOE faise o ofendido e di que está todo feito cando a realidade é que a día 11 de decembro ás asociacións aínda non saben se lles concederon ou non nin en que contías unhas axudas públicas que teñen que xustificar antes do día 15, concluíu.