O BNG-Asembleas abertas denuncia irregularidades na contratación das orquestras

Captura de pantalla do web "Orquestas de Galicia" que anuncia unha actuación para o 14 de agosto
O BNG-Asembleas abertas denuncia irregularidades na contratación das orquestras

Captura de pantalla do web "Orquestas de Galicia" que anuncia unha actuación para o 14 de agosto

“Cando menos unha das orquestras aparece hai semanas como contratada nun portal sobre orquestras galegas en internet”.

“Non parece moi serio que o criterio pretendidamente obxectivo que se utiliza para valorar as orquestras ofertadas sexa un ránking publicado na mesma web que dá por feita a contratación dunha orquestra antes de que se reúna a mesa de contratación”

Betanzos, 22 de xullo de 2015. O Concello de Betanzos celebrou esta mañá unha xuntanza da mesa de contratación para abrir as ofertas presentadas ao concurso para adxudicar as orquestras das festas de agosto. No transcurso da mesma o BNG-Asembleas Abertas denunciou que, cando menos “unha das orquestras aparece hai semanas como contratada nun portal sobre orquestras galegas en internet”, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. “Cónstanos que houbo persoas que chamaron ao representante e que lles confirmou esta actuación”, engadiu.

Parécenos que un gasto de 60 000 euros en orquestras é totalmente desorbitado e mesmo inmoral, e que no concello hai gastos máis urxentes que contratar orquestras

“Resulta moi difícil de crer que a pouco máis de 15 días do inicio das festas o programa estea sen pechar”, abundou o nacionalista. “Calquera persoa que tivese relación cunha comisión de festas sabe que é imposíbel contratar unha orquestra 15 días antes do 15 de agosto, que hai festas en todo o País”, engade. “É unha tomadura de pelo que o goberno do PSOE pretenda facernos crer que 15 días antes teñen todo sen contratar”, indicou del Río.

“Todo este proceso xéranos moitas dúbidas e obviamente non imos avalar esta fraude, este engano á veciñanza, sen entrar xa na ilegalidade que supón”, explica.

“Con isto non queremos dicir que o modelo de sacar a concurso a contratación das orquestras non sexa o correcto”, puntualiza. “Ao contrario, queremos dicir que hai que facelo coa antelación suficiente e facelo ben, e non amañando o concurso e facendo un teatro 15 días antes”, indicou. “Levamos anos reclamando que as contratacións do Concello se fagan todas por concurso público para que calquera poida optar en igualdade de oportunidades a levar un contrato público”, engadiu.

As ofertas valoraranse polo raseiro que marca a web que anuncia a contratación

“Non parece moi serio que o criterio pretendidamente obxectivo que se utiliza para valorar as orquestras ofertadas sexa un ránking publicado na web dun particular”, engadiu Del Río. “Casualmente, ademais, do mesmo web que dá por feita a contratación dunha orquestra antes de que se reúna a mesa de contratación”, ironiza. Desde o BNG-Asembleas Abertas entenden que hai persoal no propio Concello que podería valorar ben o apartado musical e de animación das formacións ofertadas.

“Gastar 60 000 € en orquestras é inmoral, mais polo menos que haxa igualdade de oportunidades”

“Parécenos que un gasto de 60 000 euros en orquestras é totalmente desorbitado e mesmo inmoral, e que no concello hai gastos máis urxentes que contratar orquestras” explicou o voceiro do BNG-Asembleas Abertas. “Mais se o goberno decide facelo, cando menos que garanta a igualdade de oportunidades no acceso a este contrato público”, concluíu Del Río.

O BNG-Asembleas abertas denuncia irregularidades na contratación das orquestras