O BNG anuncia que votará en contra dos orzamentos da privatización de servizos
Nin as terrazas de obra do Campo, nin o Hotel San Roque nin a ORA ingresarán un peso ao Concello, e mentres tanto o PSOE cobrará o dobre que o ano pasado as persoas dependentes para compensar o que as empresas non pagan
Betanzos, 17 de xullo de 2014. O BNG explicou esta mañá os motivos polos que non respaldará as contas que o PSOE levará ao Pleno o vindeiro luns. O PSOE pretende cobrarlle o alugueiro ás persoas que ocupan as vivendas do grupo Martín Ballestero e mentres tanto dá por bo que as concesionarias dos edificios e servizos municipais non paguen o que deben pagar, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Nin as terrazas de obra do Campo, nin o Hotel San Roque nin a ORA ingresarán un peso ao Concello, e mentres tanto o PSOE cobrará o dobre que o ano pasado as persoas dependentes para compensar o que as empresas non pagan, denuncian desde o BNG.
A privatización de servizos ímola pagar os mais febles, pero a ORA, as terrazas de obra do Campo e o Hotel, pois nada, se non queren pagar que non paguen
Non so iso, senón que minten sobre os ingresos que de forma real o Concello pode conseguir para cadrar as contas de forma artificial e non ter que verse forzados a cobrarlle a todas estas empresas, prosiguen os nacionalistas. Del Río, que compareceu arroupado pola outra edila do BNG, María Otero, e varios integrantes da dirección local e comarcal do Bloque, advertiu de que nun informe a Intervención advirte que os ingresos que o PSOE di que vai cobrar en ICIO e taxas urbanísticas están hinchados e non se axustan á realidade.
O BNG denunciou que os orzamentos profundizan na privatización de servizos municipais para beneficiar aos mesmos. Neste sentido, advirten que en limpeza viaria baixa 10 000 euros o gasto persoal e mentres o PSOE dálle 15 000 euros á empresa privada. Ese é o aforro da privatización, só beneficiar aos mesmos advertiu Del Río.
O PSOE recorta o gasto en emprego público pero sube medio millón de euros o gasto corrente, abundan. Neste gasto, ademais de subministros, atópanse case 600 000 euros para distintas empresas privadas que xestionarán os servizos municipais. Boa parte deles, ademais, serán sen concurso público e outorgados a dedo, como é habitual no PSOE, engadiu o voceiro do BNG.
Os nacionalistas denuncian que, mentres disparan estes gastos accesorios, desde o PSOE non reservan un só euro nin ao copago de medicamentos, nin a programas de emprego, nin a políticas contra a violencia machista nin ao Plan de Igualdade que sacan de paseo cada oito de marzo. Para isto non hai, pero para darlle máis cartos a dedo ás empresas que o PSOE elixe non se sabe ben en base a que haberá medio millón máis, denunciou Del Río.
A privatización de servizos ímola pagar os mais febles, pero a ORA, as terrazas de obra do Campo e o Hotel, pois nada, se non queren pagar que non paguen, denunciou o edil nacionalista.
O PSOE calca as artes da dereita para controlar os movementos sociais
Os nacionalistas denunciaron tamén que o goberno do PSOE pretende repartir 126 000 euros en subvencións a dedo ás entidades que o PSOE elixe, mentres que para as que non lles enchen o ollo haberá só 25 000 euros a repartirse entre todas e iso se o PSOE ten a ben convocar a orde de subvencións, que a veces se lles olvida.
Impedir ou obstaculizar o acceso aos cartos públicos é unha forma de controlar e dirixir o tecido social
O acceso en igualdade de oportunidades ás axudas públicas é unha cuestión de calidade e hixiene democrática, indicou o voceiro nacionalista. Impedir ou obstaculizar o acceso aos cartos públicos é unha forma de controlar e dirixir o tecido social, censurou.