O BNG alega aos orzamentos da Xunta para mellorar a asistencia sanitaria en Betanzos
O BNG presentou ademais outra emenda na que solicita que a Xunta destine 3 millóns de euros ao saneamento integral e a rexeneración da ría de Betanzos.
Betanzos, 10 de decembro de 2013. O BNG reclamou no Parlamento que a Xunta destine 38 000 euros á mellora de varios centros de saúde na comarca das Mariñas, entre eles o de Betanzos. Os deputados nacionalistas presentaron esta emenda aos orzamentos da Xunta logo de comprobar que o PP destinaba só 62 euros á modernización do centro de saúde de Betanzos. Isto non é unha partida orzamentaria, é unha tomadura de pelo, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os deputados e deputadas do BNG reclamaron, ademais, outros 100 000 euros para a mellora asistencial de pediatría na comarca das Mariñas. Feijóo reduciu o horario de atención de pediatría polas tardes no centro de saúde de Betanzos, indicou a edila María Otero, lembrando que o BNG levou este asunto ao Parlamento dado que supón unha discriminación para as persoas que viven no rural en Betanzos e a súa zona de influencia. Isto é o que entende o PP por facilitar a conciliación da vida persoal e familiar, poñer trabas e obrigar á xente a desprazarse ao hospigtal á Coruña, advirte a nacionalista.
O BNG presentou ademais outra emenda na que solicita que a Xunta destine 3 millóns de euros ao saneamento integral e a rexeneración da ría de Betanzos. Para crear emprego en torno ao turismo e á pesca, marisqueo e industrias asociadas é imprescindíbel que a ría deixe de estar calificada como zona C, pechada ao marisqueo e coas praias pechadas ao baño por exceso de augas fecais, indica o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Para o PP rexenerar a ría e crear emprego nela non é unha prioridade, denuncia Del Río. Iso si, logo fártanse de facer discursos baleiros e xogos florais sobre a declaración como Reserva da Biosfera dunha ría que está na UCI e á que non destinan un patacón, asegurou.