Amnistía fiscal: a crise coma excusa para facer políticas de dereitas
"Se o Concello vai desculpar parte dos tributos a alguén, terá que ser a quen realmente o precisa. Se hai que perdoar impostos, será a quen non poida pagalos, porque reducir os ingresos significa ter menos cartos para servizos para quen realmente o precisa".
Betanzos, 10 de xullo de 2013. O xornal 'Betanzos e a súa comarca' deste mes recolle nas súas páxinas un artigo do voceiro do BNG, Henrique del Río, sobre a amnistía fiscal que PSOE e PP aprobaron para os bares do Campo en agosto. Polo seu interese reproducímolo a seguir de xeito íntegro.
Amnistía fiscal: a crise coma excusa para facer políticas de dereitas
Co pretexto da crise económica o PSOE levou ao Pleno a amnistía fiscal para os bares do Campo no mes de agosto. Non se acordou o goberno municipal da crise cando subiu a auga e o saneamento á veciñanza- un servizo esencial para a vida-, cando subiu as taxas da piscina e polideportivo nin cando pretenderon atracar á veciñanza subindo as taxas da escola infantil de San Francisco 50 euros- servizos todos que dan maior calidade de vida á veciñanza.
Se o Concello vai desculpar parte dos tributos a alguén, terá que ser a quen realmente o precisa. Se hai que perdoar impostos, será a quen non poida pagalos, porque reducir os ingresos significa ter menos cartos para servizos para quen realmente o precisa.
O PSOE pretende facer ver que é superprogre perdoar as taxas do mes de agosto aos negocios de hostalaría do Campo. Practica a política da dereita, cando o verdadeiramente progresista sería desculpar impostos a quen realmente o precisa e buscar políticas para beneficiar aos máis desfavorecidos.
Estamos a falar duns negocios que fan o agosto grazas ao investimento de cartos de todas e todos- máis de 87 000 só en orquestas, globo e pólvora- nunhas festas centradas exclusivamente na praza do Campo. Din PSOE e PP que gastar nas festas é dinamizar a economía de Betanzos, pero ao que se ve da súa actuación, só hai que dinamizar a economía do Campo e non a dos barrios.
Esta amnistía fiscal supera os 7000 euros só coas mesas que os locais teñen autorizadas (as que están actualmente instaladas). Pero é maior aínda, xa que os técnicos municipais aseguran que o goberno local non cobrou as mesas que se instalan a maiores durante o verán (por exemplo as que se colocan entre a calzada e as estruturas fixas das terrazas). O goberno local do PSOE nin puxo orde nas terrazas nin cobrou o que correspondía para financiar servizos para toda a poboación. O resultado son máis de 10 000 euros que perde o Concello.
O BNG votou en contra da amnistía fiscal que o goberno do PSOE propuxo e sacou adiante cos votos do PP
Con esta medida estamos subvencionando con máis de 10 000 euros a 9 particulares para que fagan negocio en lugar de procurar atender os intereses de todas e todos. O PSOE, co apoio do PP, pretende que pague impostos quen chega apurado a fin de mes e amnistiar aos negocios do Campo.
O BNG votou en contra da amnistía fiscal que o goberno do PSOE propuxo para os bares do Campo. Contou para sacala adiante co respaldo do PP, que xa fixera terrazas para a maioría destes establecementos cos fondos públicos dun plan anticrise. E coa abstención cómplice de CxB, porque como dicía o Nobel da Paz Desmond Tutu, "se es neutral en situacións de inxustiza, escolliches o lado do opresor". O BNG non vai ser cómplice desta inxustiza.