Norovirus, ríos e saneamento: outra maneira de relacionarnos cos nosos ríos é posíbel e necesaria

No BNG levamos décadas denunciando as continuas verteduras aos nosos ríos. Verteduras que fan que a nosa ría sexa unha das máis contaminadas de Galiza e que, ademais de ocasionar un grave problema ambiental, están na orixe do gromo de gastroenterite por Norovirus que nos afectou por centos nos meses de maio e de xuño.

Norovirus, ríos e saneamento: outra maneira de relacionarnos cos nosos ríos é posíbel e necesaria
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG

O Mendo, o Mandeo, o Mero, os regos de Callou, Caraña ou Infesta... son elementos de vida e determinan a nosa vida, condicionando a paisaxe, a distribución da nosa cidade e, mesmo, a nosa mobilidade. Mais non os estamos a tratar como deberiamos. 

No BNG levamos décadas denunciando as continuas verteduras aos nosos ríos. Verteduras que fan que a nosa ría sexa unha das máis contaminadas de Galiza e que, ademais de ocasionar un grave problema ambiental, están na orixe do gromo de gastroenterite por Norovirus que nos afectou por centos nos meses de maio e de xuño.

Naquelas semanas faltaba información por parte dos poderes públicos sobre a procedencia do virus, mais resultaba evidente pensar que o problema ambiental fora o que ocasionara tamén o problema de saúde pública. 

Augas de Galiza, da Xunta, negou que o Mendo estivese contaminado. Como se non fose a contaminación do Mendo a que levou a pechar e eliminar a área de baño de Reboredo, en Oza, en 2017. Daquela, como agora, o PP preferiu  calquera cousa antes que investir en sanear o río. Agora resulta que, como era obvio, o que trae o Mendo acaba nos depósitos do Coto porque, entre outras cousas, a Xunta non rematou aínda a actualización da potabilizadora. Mais iso non impediu que o PP utilizase de maneira partidista os datos con que contaba e os ocultase con finalidade electoralista, aínda sabendo que a Xunta de Galiza é a Administración Pública responsábel da calidade da auga dos ríos que flúen integramente por solo galego, como o Mendo ou o Mandeo. 

NO BNG cremos que nos vai a vida ás betanceiras en mudar a nosa relación cos ríos. Exixe un comportamento individual responsábel, mais, sobre todo, exixe o compromiso dos poderes públicos. Xunta e concellos teñen que asumir que é urxente acometer as melloras nas redes de saneamento e vixilancia ambiental dos nosos ríos para poñer fin ás verteduras e contaminación. Tarde ou cedo, todo o que vertemos aos ríos acaba afectando á saúde!

Norovirus, ríos e saneamento: outra maneira de relacionarnos cos nosos ríos é posíbel e necesaria