Del Río: “Xa é hora de que o goberno local se preocupe pola sangría do desemprego”
“No último trimestre do ano 106 persoas quedaron sen emprego en Betanzos, 58 máis que no mesmo período do ano pasado”. “E que fixo o Goberno local? Afondar na destrución de postos de traballo”
“No último trimestre do ano 106 persoas quedaron sen emprego en Betanzos, 58 máis que no mesmo período do ano pasado”. “E que fixo o Goberno local? Afondar na destrución de postos de traballo”
Betanzos, 11 de xaneiro de 2012. O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno local que abandone o desleixo e que implemente medidas para promover o emprego, dada a sangría do paro que lle afecta á cidade. “Segundo os últimos datos oficiais, un total de 1146 betanceiros e betanceiras, con nomes e apelidos, están en situación de desemprego”, sinala o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O voceiro do BNG indica que “no último trimestre do ano 106 persoas quedaron sen emprego en Betanzos, 58 máis que no mesmo período do ano pasado”. “E que fixo o Goberno local? Afondar na destrución de postos de traballo”, afirma. “A inacción do goberno do PSOE e a súa falta de medidas concretas fronte ao peor problema que padecen os betanceiros e betanceiras supón un agravamento maior da sangría do paro”, salienta.
“O PSOE renunciou a que os orzamentos fosen unha ferramenta para loitar contra o paro”
Del Río refírese á renuncia do goberno local a apostar pola promoción do emprego aprobando uns orzamentos que sexan “un instrumento para combater o desemprego”. O edil nacionalista engade que “se as ordenanzas fiscais conteñen descontos para as persoas sen emprego foi grazas ás emendas do BNG porque o PSOE nin contemplaba esta posibilidade”.
“O BNG presentou emendas e alegacións ás ordenanzas fiscais que o PSOE non tivo outro remedio que asumir porque ían encamiñadas a beneficiar os colectivos máis desfavorecidos como as persoas desempregadas ou pensionistas, ademais da mocidade ou os titulares de estabelecementos de pequeno comercio”, lembra.
“O Goberno central xa amosou que está ao lado da banca e non dos traballadores”
O portavoz municipal do BNG advirte de que as cifras do paro aumentarán tras as medidas aprobadas polo Goberno central, como a conxelación do salario mínimo interprofesional ou a suba de impostos. Concretamente, a suba do 10 por cento do IBI suporá que os betanceiros e betanceiras teñan que pagar aínda máis por este Imposto de Bens Inmobles.
“É curioso o posicionamento do PP xa no primeiro Consello de Ministros, renuncia a defender os traballadores e traballadoras e os colectivos desfavorecidos e avoga por darlle un novo impulso á banca, ao concederse avais por valor de 100.000 millóns de euros”, expón.
“A promoción de emprego debe ser a prioridade do Goberno local”
Del Río tamén alude situación do conxunto do país, onde o paro volveu subir en 4.818 persoas, un incremento interanual do 8,82 por cento, por riba da media estatal. “Estas cifras evidencian que o paro está a medrar en Galiza máis que no conxunto do Estado”, afirma o edil do BNG, “os datos demostran o fracaso da Xunta de Galiza, que ten as competencias en materia de emprego, de solventar esta sangría”.
Por último, Del Río sinala que “é unha irresponsabilidade que o Goberno do PSOE siga de brazos cruzados nesta situación, nin sequera nomea no seu discurso a palabra desemprego”. “A promoción dos postos de traballo debe ser a prioridade deste Goberno municipal”, salienta.
Antena da Lanza: “PSOE e PP discuten sobre un logro do BNG”
O voceiro do BNG lembrou que se “PSOE e PP andan á greña sobre a retirada da antena da Lanza é porque o BNG, desde o goberno, ordenou a súa retirada”. Os nacionalistas recordan que sentenza que permite ao Concello retirar a antena ilegal deriva dunha orde de retirada dictada polos edís nacionalistas cando detentaban responsabilidades de goberno en Betanzos en 2007.