Del Río: “o PSOE pretende ocultar que en realidade xa teñen parcialmente privatizados os servizos de mantemento e xardinaría”
Os nacionalistas denuncian que continúa a política “de opacidade e escurantismo do goberno local, que semella máis a prepotencia dun goberno con maioría absoluta”.
Os nacionalistas denuncian que continúa a política “de opacidade e escurantismo do goberno local, que semella máis a prepotencia dun goberno con maioría absoluta”.
Betanzos, 5 de xullo de 2012. O BNG insistiu na súa demanda de transparencia ao goberno local do PSOE. O pasado 26 de xuño o Pleno aprobou unha emenda do BNG na que se instaba ao goberno local “por terceira vez, a entregar a documentación que os grupos da oposición solicitan” para cumprir a súa obriga de controlar a acción do goberno.
O BNG denunciou que tiña solicitado copia dos contratos de varias empresas privadas que están a facer traballos de mantemento no rueiro e de xardinaría. Malia o acordo plenario, os nacionalistas denuncian que continúa a política “de opacidade e escurantismo do goberno local, que semella máis a prepotencia dun goberno con maioría absoluta”.
O voceiro municipal do BNG, Henrique del Río, apunta que esta actitude do executivo do PSOE responde “á intención de ocultar que en realidade xa teñen parcialmente privatizados estes servizos, a pesar do discurso oficial do PSOE a favor dos servizos públicos”. “Non se pode criticar as privatizacións que fai o PP na Xunta e facer o mesmo alí onde se goberna”, advirte o edil nacionalista ao executivo local.
O BNG denuncia que isto é un máis na relación de acordos plenarios que o goberno de Ramón García incumpre desde que tomou posesión hai un ano. Outros casos que denuncian os nacionalistas serían non modificar as bases xerais de contratación para o persoal laboral municipal ou non actuar diante da privatización da escola infantil do Carregal, dependente da Xunta.