Del Río: "É o momento da alternativa do BNG"
Henrique del Río situou ao BNG como a única alternativa a María Faraldo e reclamou un apoio masivo ao BNG para “dar un empuxón a ese Betanzos emerxente fronte ao Betanzos da resignación”.
Henrique del Río situou ao BNG como a única alternativa a María Faraldo e reclamou un apoio masivo ao BNG para “dar un empuxón a ese Betanzos emerxente fronte ao Betanzos da resignación”.
Betanzos, 11 de maio de 2011. O BNG fixo pequena onte a Aula de Cultura do Liceo no mitin que celebrou coa presenza do Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez e que foi retransmitido en directo por TeleBNG. “É inadmisíbel ter un Casco Histórico coma o de Betanzos deixando que caia todo nunha morea”, espoleou a Responsábel do BNG na comarca das Mariñas, Pura Ferreño, que abriu o acto apelando ao liderazgo da cidade na súa comarca. “É un delito vivir de costas ao Mandeo e deixalo encherse de minicentrais” seguiu, facendo fincapé nos dous valores patrimoniais de Betanzos antes de dar paso ao Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez.
Na súa intervención no mitin de Betanzos, o líder do BNG afirmou que "na situación actual" o 22-M "ou votamos pola política de dereitas" ou "votamos polo BNG". "Ou votamos aos partidos que gobernan en Madrid e en Santiago e que fan política de dereita, política de dereita fracasada ou votamos BNG", afirmou, non sen deixar de dicir que PP e PSOE sinxelamente non teñen propostas alternativas ás políticas que están a practicar. "O que ofrecen é máis do mesmo, é puro continuísmo. E o que fai falta é un cambio a fondo. Iso é o que ofrece o BNG", dixo. Estas son unhas eleccións cruciais porque non só eliximos concelleiros e concelleiras, senón que ante todo "decidimos políticas" e decidimos que estratexias seguimos para superar a crise. "Ou as estratexias que só pensan nos intereses dos poderosos ou as estratexias do BNG que só pensan nos intereses dos cidadáns do común", afirma Guillerme.
Guillerme deu paso a Henrique del Río, “o mellor alcalde”. Del Río proclamou chegado “o momento da alternativa, o momento do BNG” e neste sentido insistiu en que o nacionalismo galego é a única forza política “que está do lado da xente”. Ante esta situación de crise, tal e como enfatizou Henrique, “os poderes públicos non deben, non poden inhibirse nun drama que afecta a máis dun milleiro de fogares só en Betanzos” e por iso, o candidato afirmou que desde o goberno local orientará “o investimento do Concello cara á economía produtiva e os que máis precisan da atención dos poderes públicos”.
Henrique contrapuxo o modelo BNG ao do PP cun Núñez Feijóo que “pon de exemplo a María Faraldo, a que estragou os cartos do Concello en gastos suntuarios e ocorrencias extravagantes que non aportan nada ao benestar das persoas nin ao desenvolvemento económico de Betanzos mentres deixou sen atender as necesidades da xente”.
“No BNG queremos conformar un goberno local que sexa un aliado da xente, poñeremos en valor o patrimonio, o casco histórico, os ríos e a ría, abriremos novas oportunidades de emprego, queremos facilitar o acceso á vivenda para todos e todas”, en definitiva, tal e como afirmou, o nacionalismo presenta “máis de 200 medidas concretas para que Betanzos dea o mellor de si e saia do estancamento e a indecisión”.
Henrique del Río situou ao BNG como a única alternativa a María Faraldo e reclamou un apoio masivo ao BNG para “dar un empuxón a ese Betanzos emerxente fronte ao Betanzos da resignación”.