Del Río: As medidas de liberalización son o tiro de graza que o PP da ao pequeno comercio"
Gustaríanos que a señora Faraldo explicase aos comerciantes de Betanzos que isto é o que precisa o pequeno comercio de Betanzos para saír da crise.Estas medidas só van beneficiar ás grandes superficies comerciais, xa que os pequenos comerciantes non competir nestas condicións.
Betanzos, 14 de xullo de 2012. O BNG criticou as medidas de liberalización dos horarios do comercio aprobadas polo goberno do PP no Estado. Con estas medidas do PP eliminanse os limites ao periodo de rebaixas e ampliase o horario, ademais permitirase a apertura até 16 domingos e festivos ao ano, explicou o voceiro nacionalista Henrique del Río, este é o tiro de graza que dá o PP ao pequeno e mediano comercio.
Gustaríanos que a señora Faraldo explicase aos comerciantes de Betanzos que isto é o que precisa o pequeno comercio de Betanzos para saír da crise, engadiu o portavoz nacionalista. Como todos sabemos estas medidas só van beneficiar ás grandes superficies comerciais, xa que os pequenos comerciantes non competir nestas condicións.
Os pequenos comerciantes veranse obrigados a abrir neses horarios e os 16 domingos que establece o partido popular aínda que non teñen a posibilidade de contratar persoal como fan as grandes superficies para poder cubrir eses horarios, explican os nacionalistas, obrigamos aos pequenos comerciantes a horarios de traballo inhumanos ou abocámolos directamente ao peche.
Segundo o BNG, o comercio é un sector estratéxico para Betanzos, e o BNG aposta polo desenvolvemento do centro comercial aberto e a limitación da implantación de grandes superficies comerciais, precisamente polo dano que causan no pequeno comercio. Neste sentido instou ao goberno local do PSOE a que Concello fixera algo por un sector estratéxico para a economía local, indicou del Río, ademais da semana do pincho, que se é certo que o sector favoreceu ao sector da hostalería, dubidamos que con este tipo de medidas sexa suficiente para dinamizar o pequeno comercio e máis no contexto actual.
As medidas do PP obrigan aos pequenos comerciantes a horarios de traballo inhumanos ou abócanos directamente ao peche
O goberno local podería comezar por humanizar e manter en boas as rúas tradicionais de comercio do casco histórico, como a rúa travesa, e planificar actividades para dinamizar estas rúas, explican os nacionalistas, como parte dun plan para intentar paliar os efectos destas medidas terríbeis para o pequeno comercio.
Os nacionalistas acusaron tanto ao PSOE como ao PP, de non crer verdadeiramente no pequeno comercio como demostran os feitos, din defender aos pequenos comerciantes pero todos os días demostran o contrario, indicou, unha total deixadez neste tema mentres aprobaron medidas tanto o PSOE coma o PP- que foron sucesivamente liberalizando o sector para favorecer as grandes superficies comerciais.
Suba do IVE
A subida do IVE, vai detraer o consumo o cal tamén vai pasar factura ao pequeno comercio, informou del Río, claramente isto vai aumentar a crise do comercio. Se a isto lle engadimos os miles de empregados públicos que se quedan sen paga extra de Nadal e que, como é lóxico, vai consumir moito menos isto vai a rematar por arruinar o comercio, sobre todo o pequeno comercio, que é o mais sensíbel a estas medidas.
O número de parados en decembro aínda vai ser maior, e polo tanto, a campaña de Nadal que é a que sustenta en maior medida aos comercios de roupa, agasallos durante o ano, vai ser catastrófica. Está claro que con estas medidas o PP vai provocar máis peche de comercios, máis paro e vai a afondar aínda máis na crise, concluíron os nacionalistas.