Del Río: “fronte á política de ataques personais do PP e do PSOE, o BNG propón ideas concretas para mellorar a calidade de vida de Betanzos”
Nun debate en Tiobre o BNG propón crear un parque da bicicleta nas Minas: “cun investimento modesto o goberno local poñería en uso uns terreos que agora están ociosos creando un novo espazo para o lecer e diversifica a oferta deportiva”.
Nun debate en Tiobre o BNG propón crear un parque da bicicleta nas Minas: “cun investimento modesto o goberno local poñería en uso uns terreos que agora están ociosos creando un novo espazo para o lecer e diversifica a oferta deportiva”.
Betanzos, 3 de maio de 2011. O BNG de Betanzos anuncia que desenvolverá unha campaña baseada nas propostas, suxestións e ideas do proxecto nacionalista para mellorar a calidade de vida na vila. Así o vén de anunciar o candidato nacionalista á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río, no transcurso dun debate electoral celebrado en San Martiño de Tiobre. “Deixamos para outros as insinuacións e os ataques persoais que nada lle achegan á xente” anunciou o voceiro nacionalista, en clara alusión á campaña que polo momento están a facer PP e PSOE en Betanzos.
O BNG levou a Betanzos o Vello a súa aposta por implicar o Goberno local na xeración de emprego e no impulso á economía produtiva. Neste sentido, os nacionalistas entenden que a súa formación “non precisa do desembarco de conselleiros e ministros para facerlle chegar as súas propostas á xente”.
Henrique del Río presentou no transcurso do debate as principais propostas do BNG para a parroquia de Tiobre. O BNG aposta por levar adiante un plan de limpeza e outro de mantemento dos equipamentos públicos que arranxe o abandono padecido nestes servizos públicos baixo o mandato de María Faraldo.
No mesmo sentido, o cabeza de lista do BNG apostou por responsabilizar o Goberno local na prevención do lume aplicando todas as previsións da lei de prevención de incendios. No presente mandato o BNG tivo que presentar varias iniciativas plenarias neste sentido diante da preocupación veciñal e o desleixo do goberno de María Faraldo neste tema.
Novo espazo para o lecer e a oferta deportiva
O BNG propón tamén crear un parque da bicicleta nos terreos municipais das Minas. Para Henrique del Río, “cun investimento modesto o goberno local poñería en uso uns terreos que agora están ociosos creando un novo espazo para o lecer e diversifica a oferta deportiva”.
Aproveitando a ampliación da estrada Betanzos-Campolongo, o BNG tamén recolle no programa a creación dun carril-bici para unir esta dotación co centro da cidade e crear nas Minas un circuíto BTT, un velódromo e instalacións para o lavado das bicicletas. Esta actuación complementaríase coa instalación doutros equipamentos deportivos coma un circuíto de ximnasia finlandesa, a posta en valor do espazo medioambiental co saneamento da zona húmida e a plantación de frondosas autóctonas e a posta en valor do lugar como antiga mina de wolframio.